Mantivo unha reunión de traballo co presidente da Cámara
O director do Igape visita o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago
O presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, mantivo un encontro institucional co director do Igape, Juan Cividanes, quen ademais visitou as instalacións do viveiro de empresas de Costa Vella.
Durante a reunión comentaron as liñas de traballo da Cámara de Comercio en materia de emprendemento e creación de empresas e as liñas de axuda da Unidade Galicia Emprende do Igape, que pretende desenvolver ideas empresarias e facer que as iniciativas viables sexan posibles.
Os representantes camerais explicaron a estratexia que segue a Cámara de Comercio de Santiago en materia de creación de empresas, centrada na reinvidicación da figura do empresario e destinada a fomentar a economía do benestar mediante a xeración de emprego, sobre todo xuvenil. Destacando as boas prácticas da incubadora, que foi designada por Funcas como a mellor de Galicia e a quinta en servizos avanzados de toda España, indicaron que o principal valor engadido do viveiro é ofrecer servizos de acompañamento empresarial desde a fase de proxecto ata a consolidación da empresa, ademais de servizos de loxística, formación e asesoramento na busca de financiamento. Actualmente, o viveiro de Costa Vella conta con 50 firmas (29 con ubicación física, ocupando ao 100% a instalación, e 21 empresas na proposta virtual).
Misións comerciais da Cámara
Trataron tamén temas de internacionalización e a evolución das misións comerciais dirixidas este ano pola Cámara de Comercio de Santiago a través do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Plan Foexga). A entidade cameral organiza en varias semanas unha misión a Arxentina e Uruguai, que se desenvolverá do 24 de xuño ao 2 de xullo. O vindeiro mes de xullo, do 22 ao día 27, está programada unha misión comercial á feira Pure Londres de confección e complementos; e en setembro viaxarase a Alxeria, do 16 ao 22, e do 7 ao 12 organizarase á misión comercial á feira “Who´s Next” de Parissector Moda. Ademais xa se celebraron misións a Cuba e Chile e Perú en marzo, a Sudáfrica en abril, e en maio a Emiratos Árabes Unidos e Qatar e Indonesia.