Haberá concentracións este venres nas catro provincias
UGT e CCOO mobilízanse para esixir a recuperación de salarios no emprego público
A Área Pública de CCOO e a FeSP-UGT inician este venres unha campaña conxunta de mobilizacións baixo o lema «Agora: salarios, emprego público e dereitos».
A primeira acción reivindicativa terá lugar ás 11:30 horas e consistirá en concentracións fronte á Delegación do Goberno na Coruña e as Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Os sindicatos UGT e CCOO coidan que é "o momento de lles devolver ás empregadas e empregados públicos os dereitos arrebatados coa escusa da crise: desde o 2010, máis de 16.000 empregos destruídos no sector público e unha perda media de poder adquisitivo do 13%", salientan nun comunicado.
Por esta razón, os sindicatos esixen a volta á negociación colectiva nas Administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018.
CCOO e UGT piden que o Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, se amplíen para permitir para recuperar o emprego perdido desde o 2011, non só para reducir a precariedade e a temporalidade nas Administracións públicas.