Convocan unha mobilización para o día 24
UGT e CCOO reclaman ás administracións que retomen as negociacións sobre salarios e emprego público
A Federación de empregadas e empregados dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) e a Área Pública de CCOO acordaron iniciar unha campaña conxunta de mobilizacións baixo o lema “Agora: salarios, emprego público e dereitos”, que presentaron este venres en Santiago.
O calendario de mobilizacións comezará o venres día 24 de novembro con concentracións de delegados na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ao igual que se fará no resto de España.
Ambas organizacións manteñen, non obstante, a súa disposición ao diálogo e diríxense ao Ministerio de Facenda e Función Pública e á Xunta de Galicia, así como aos concellos, para que abran un espazo de negociación real nos seus respectivos eidos e segundo as súas competencias. Todo isto debería ter efectos nos Orzamentos para o 2018 para cada unha das administracións.
CCOO e UGT reclaman que se recupere a negociación colectiva en todas as administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación, acción social...
En materia de emprego, e partindo do Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de estabilidade asinado en outubro coa Xunta, as dúas organizacións cren que os acordos debe ampliarse e consolidarse, tanto no desenvolvemento do proceso de estabilización -para reducir a temporalidade nas administracións públicas-, como na eliminación da taxa de reposición que permita non só recuperar os 16.300 empregos públicos perdidos en Galicia dende o 2011, senón que asente tamén as bases para a creación neta de emprego.
En canto a salarios, UGT e CCOO cren que os empregados públicos deben verse recoñecidos no esforzo que se lles esixiu para contribuír ao equilibrio presupostario e á redución do déficit público, como así o expresaron en reiteradas ocasións os propios Gobernos. É por iso que esixen o recoñecemento da débeda salarial que se ten contraída co conxunto de persoas que traballan para o sector público e que se inicie a senda progresiva da recuperación salarial, con cláusula de garantía salarial, para recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos -aproximadamente un 13 por cento dende 2010-.
A campaña conxunta de UGT e CCOO, “Agora: salarios, emprego público e dereitos”, terá continuidade o 14 de decembro cunha concentración estatal en Madrid, e concentracións en Galicia no período de debate e aprobación dos Orzamentos da Xunta de Galicia.