28 de abril, Día internacional da saúde e seguridade no traballo
A sinistralidade laboral subiu en Galicia no último ano un 9,17%
Co gallo da conmemoración o 28 de abril, Día internacional da saúde e seguridade no traballo, os sindicatos UGT-Galicia e CCOO veñen de presentar sendos estudos sobre a sinistralidade laboral durante 2017.
O ano pasado producíronse en Galicia 27.286 accidentes en xornada de traballo, un 9,17% máis que o ano anterior, cando foran 24.994. Destes 26.806 foron leves, 437 graves e 43 mortais, fronte aos 24.441 leves, 496 graves e 57 mortais de 2016.
Os sinistros aumentaron en todos os sectores menos na pesca (1.015 accidentes fronte a 1.062 en 2016, un 4,5% menos). Creceron, sobre todo, na industria (8.221 accidentes fronte a 7.282 en 2016, un 12,89% máis), na construcción (3.312 fronte a 2.901, un 11,4%), nos servizos (13.436 fronte a 12.547, un 10,7%) e na agricultura (1.302 fronte a 1.202, un 8,3%).
Destaca, pola súa negatividade, o forte incremento do número de falecidos no sector da construción, de 5 a 13 persoas, o que supón unha suba dun 160%.
Por sexos, houbo máis accidentes tanto na poboación masculina como na feminina, pero especialmente no primeiro caso, cun aumento do 10,64 %. Asemade, os homes protagonizan a maioría dos accidentes (71 %), cunha prevalencia maior no caso dos accidentes graves ou dos mortais, mentres que as mulleres son maioría canto aos accidentes de carácter leve.
Por provincias, a sinistralidade medrou en todas, destacando o caso de Pontevedra, onde a suba foi dun 18,83%; o incremento foi dun 9,08% en Ourense; dun 4,85% en Lugo; e dun 3,27% en A Coruña. Ademais, na provincia de Pontevedra tamén se rexistra unha suba da sinistralidade de carácter mortal, ao pasar de 16 a 18 persoas falecidas, un incremento dun 12,5%. No relativo aos accidentes graves, destaca o caso de Lugo onde o aumento foi dun 19,35%, de 62 a 74 sinistros.
Canto aos accidentes “in itinere”, soben progresivamente. Se no 2014 rexistrábanse 2.759; no 2015 foron 2.762; no 2016 un total de 2.895; e no 2017 ascendeu a cifra a 3.044.
Enfermidades profesionais
No 2017 declaráronse en Galicia un total de 1.491 enfermidades profesionais, un 8,6% máis que no 2016. Deste total, a gran maioría danse nos sectores servizos (629) e na industria (750). 25 foron na agricultura, 20 na pesca e 67 na construción.
Por xénero, dentro das enfermidades profesionais con baixa, rexístranse máis en mulleres (441), fronte ás 404 dos homes. Isto, a pesar da menor presenza das traballadoras no eido laboral.
Concretamente, tanto no caso dos homes como das mulleres as enfermidades do grupo II nos sectores da industria e servizos son as máis declaradas. O grupo II refírese ás causadas por axentes físicos, a gran maioría orixinadas por trastornos músculo esqueléticos.
Conclusións do estudo de CCOO
O estudo elaborado polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia conclúe que os traballadores con menos antigüidade no posto de traballo teñen máis probabilidades de sufriren un accidente de traballo: o 21 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2017 sufríronos persoas que levaban menos de tres meses no seu posto de traballo.
As persoas con contrato temporal tamén corren máis riscos de sufrir un accidente que as que teñen unha relación estable: o 40 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2017 ocorréronlles a persoas cun contrato temporal. Esa porcentaxe queda moi por riba da representación que ten a poboación asalariada temporal no emprego por conta allea. En comparación co ano 2016, os accidentes de traballo en xornada laboral aumentaron máis nas persoas cun contrato temporal (+6,92 %) ca entre as que tiñan un contrato indefinido (+1,00 %).
Malia que algunhas voces vinculan o aumento da sinistralidade con que «hai máis persoas traballando», o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, nega este punto. Segundo Fernández, os accidentes de traballo aumentaron por riba da creación de emprego, como proba o índice de incidencia, que é o cociente entre os accidentes con baixa en xornada laboral e a media anual de persoas traballando. Pois ben, este índice incrementouse un 6,42 % en relación co ano 2016.
O índice de incidencia tamén sitúa a galega como unha das comunidades autónomas con maior sinistralidade, xa que este indicador é case o dobre ca na media estatal: un 3,2 no Estado e un 5,48 en Galicia.
Obxectivos pendentes
Dende UGT-Galicia denúnciase que, 22 anos despois da publicación da Lei de prevención de riscos laborais, gran parte dos seus obxectivos están aínda pendentes.
2017 supuxo o quinto ano consecutivo de incremento da sinistralidade laboral en Galicia, cun aumento dos accidentes no traballo entre 2013 e 2017 dun 19,86%. E o 2018, segundo os últimos datos dispoñibles referidos aos meses de xaneiro e febreiro, arranca coa mesma tendencia, con 4.449 accidentes rexistrados, fronte aos 4.074 do 2017 neste mesmo período.
E, todo isto, a pesar da “deficiencia e interesada” catalogación dos accidentes, a xuízo de UGT: “accidentes con graves consecuencias e longos períodos de recuperación notificados como leves e accidentes leves que non se rexistran. Figuras como o ‘descanso preventivo’ ou os ‘permisos retribuídos’, que ocultan accidentes sen notificar, esténdense polas empresas deste país. E o que é peor, cada vez máis traballadores renuncian ao seus dereitos para recuperar a saúde por medo a perder o seu posto de traballo”, sinalan desde UGT-Galicia.
Reivindicacións no Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo
Entre as múltiplas reivindicacións relacionadas coa celebración do Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, o secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Roi Fernández, fixo énfase na infradeclaración de enfermidades profesionais. O sindicalista alertou de que un grande número de traballadores padecen actualmente doenzas de orixe profesional que se rexistran e tratan como patoloxías comúns.
Segundo o secretario de Saúde Laboral de CCOO, esta situación causa un dobre prexuízo. En primeiro lugar, ao traballador ou traballadora afectada, xa que se ven lesionados os seus dereitos, comezando polos salariais. En segundo lugar, ás contas públicas, xa que a Seguridade Social está a afrontar un custo que deberían asumir as mutuas de traballo. Sindicalmente tamén é un problema, xa que «o que non se rexistra non se prevén», e esta ocultación dificulta a prevención de riscos nas empresas.
Pola súa banda, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo propon derogar “as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde, en particular as reformas laborais que estenderon a precariedade, instalando o medo a perder o emprego, individualizando as relacións laborais, dificultando o exercicio efectivo de dereitos e profundando na desigualdade”.
O sindicato tamén reclama reverter a reforma do marco xurídico das mutuas “que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social”. E finalmente, UGT-Galicia pide “intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo”.