Informe sobre sinistralidade laboral
Galicia duplica a media estatal en incidencia de sinistros mortais
A sinistralidade laboral medrou en Galicia entre xaneiro e xuño de 2017 un 6,31%, en relación ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos estatísticos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que vén de difundir o sindicato UGT.
Durante este período, foron 30 as persoas que faleceron e 227 as que resultaron feridas de gravidade, fronte aos 27 falecidos e 257 accidentes graves dos mesmos meses de 2016. Os accidentes leves tamén se incrementaron, pasando de 13.183 do ano pasado aos 14.009 deste ano (datos ata xuño).
Dos 14.266 sinistros rexistrados en Galicia entre xaneiro e xuño de 2017 (13.467 no mesmo período de 2016), 6.339 corresponden a A Coruña, 1.426 a Lugo, 1.483 a Ourense e 5.018 a Pontevedra.
Deste total, os accidentes producidos in itínere foron 1.413, dos que 4 produciron o falecemento da persoa traballadora, 31 tiveron carácter de gravidade e 1.378 foron leves.
Segundo os datos do Ministerio de Emprego referidos aos accidentes laborais producidos na xornada laboral, dos 12.853 sinistros rexistrados en Galicia no primeiro semestre de 2017 (12.090 no mesmo período de 2016), 5.742 corresponden a A Coruña, 1.318 a Lugo, 1.402 a Ourense e 4.391 a Pontevedra. Deste total, 196 tiveron unha consideración de graves, 26 foron mortais e 12.631 leves. Dos mortais, 7 producíronse en A Coruña, 3 en Lugo, 5 en Ourense e 11 en Pontevedra.
En relación aos seis primeiros meses de 2016, os mortais aumentaron nun 8,3%, ao pasar de 24 a 26, destacando as provincias de Ourense, onde pasaron de 1 a 5, e en Pontevedra, onde no 2016 foron 8 e neste ano rexistráronse un total de 11.
En canto aos sectores de actividade, a maior parte dos accidentes se produxeron no sector de servizos, con 6.376, seguido pola industria con 3.910 accidentados, a construción con 1.487 e, finalmente, polo sector agrario con 1.080 accidentes.
En canto ao índice de incidencia de accidentes de traballo con baixa en xornada laboral, é dicir, aqueles nos que se relacionan o número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo, e que nos da unha visión relativa da sinistralidade co mercado laboral de cada comunidade, arroxa datos "moi negativos para Galicia", salienta UGT-Galicia, sindicato que deu a coñecer estes datos. A galega é unha das comunidades que presentan un índice de incidencia de accidentes mortais dos máis elevados.
Concretamente, este índice no caso dos sinistros mortais é en Galicia de 0,548, fronte aos 0,273 que se rexistran de media no resto do Estado. É dicir, Galicia duplica a media estatal e está á cabeza das estatísticas, xunto con comunidades como Aragón, Cantabria e La Rioja, que tamén rexistran índices superiores aos 0,5 puntos. Por provincias, destaca Ourense polo seu alto nivel de incidencia, 1,058, seguida de Pontevedra (0,672), Lugo (0,528) e A Coruña (0,339).
Para UGT-Galicia, "este aumento continuo da sinistralidade laboral é unha rama máis da perniciosa árbore da precariedade laboral que impera". De aí que veña de poñer en marcha a campaña "Precarios NON; Grazas" contra as empresas multiservizos "que levantan a bandeira da desregulación das condicións laborais dos seus traballadores como signo de identidade".
Neste contexto, UGT-Galicia reclama unha maior implicación das distintas administracións públicas e das propias empresas na loita contra esta lacra social. Para o Sindicato, "a prevención segue a ser a mellor ferramenta que existe para reducir ou evitar danos á saúde dos traballadores".
Enfermidades profesionais
Finalmente, e seguindo de novo o Observatorio das Continxencias Profesionais do Ministerio de Emprego, no mesmo período (xaneiro-xullo de 2017), en Galicia rexistráronse un total de 904 enfermidades profesionais. Poñendo estas en relación coa afiliación media á Seguridade Social (771.757), obsérvase que por cada 854 afiliados á Seguridade Social declárase unha enfermidade profesional en Galicia. Cifra que está por enriba da media que se rexistra no Estado, que é dunha enfermidade profesional por cada 1.145 afiliados á Seguridade Social.