Mantiveron unha xuntanza cos grupos políticos e posteriormente con representantes da Xunta
O persoal de Maderas Iglesias demanda o apoio do Parlamento
O cadro de persoal de Maderas Iglesias desprazouse este xoves a Santiago de Compostela para dar a coñecer, na Xunta e no Parlamento galego, a situación da empresa, que ten previsto un ERE extintivo para 140 dos seus traballadores.
O pasado día 12 de decembro comezaron as negociacións entre a representación dos traballadores e a dirección da empresa ubicada no Porriño. Segundo explicou o presidente do comité, Vicente Morales, da CIG, Maderas Iglesias puxo sobre a mesa a liquidación de 140 postos de traballo dos 249 cos que conta na actualidade, ou a liquidación de todos, se esta proposta non se acepta. “A empresa dá un prazo do 12 ao 30 de xaneiro para chegar a un acordo, pero non garante que vaia cumprir. Como lle dis a un traballador: vaste e cobrarás ou non? Iso é inviábel”, engadiu Morales.
Por iso trasladaron a súa protesta e demandas ao Parlamento. “Queremos salvar a empresa e garantir os postos de traballo”, explicou a representante da CIG Enriqueta García. “Queremos no Parlamento que nos apoien, que haxa un compromiso político, porque somos a maioría mulleres que estamos nunha idade moi crítica. Eu teño 45 anos, pero hai xente de 55 e 56 anos. Unha vez peche a empresa as mulleres, con esa idade, temos o mercado laboral pechado”.
Logo de reunirse cos representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galicia, sete membros do comité de empresa mantiveron un encontro no Igape co seu director, Juan Cividanes, e máis a secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca. Do Igape querían coñecer a situación económica real da empresa e máis recibir un compromiso de apoio que, segundo a CIG, non chegaron a conseguir. O único compromiso que se lles trasladou aos representantes do comité, relatan desde a CIG, é que van fiscalizar a actuación da empresa para que esta cumpra coa lei.
Amáis, Xulio Vicente, representante da CIG-Construción, denunciou os “malos modos” cos que foron tratados e engadiu que, diante da negativa da Xunta a recibir a asesores e alcaldes da comarca, estes presentaron unha reclamación.
A Xunta ofrece mediación
A través dun comunicado remitido aos medios, desde a Xunta explicaron que Cividanes e Toca trasladáronlle aos traballadores o apoio da Administración autonómica poñendo a súa disposición a mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de que as negociacións avancen, agardando unha solución o antes posible.
A secretaria xeral de Emprego e o director do Igape apelaron ao diálogo indicando que a Xunta sempre defende este camiño co propósito de buscar a mellor saída para os traballadores de Maderas Iglesias.
Críticas á xestión da empresa
O presidente do comité de empresa denunciou asemade a mala xestión na empresa e que a dirección non soubo aproveitar o repunte que houbo no ano 2015. Non entenden como é posible que nese momento mesmo se contratara máis persoal e que haxa unha débeda privilexiada cos bancos de máis de 34 millóns de euros.
Para Morales tampouco é comprensíible que en plena negociación da liquidación ou dun ERE extintivo e con esa situación económica a empresa se presente na Feira de Valencia. “Din que van repuntar a empresa, pero é unha contradición. Sabemos que a empresa ten esas débedas porque as vimos nas contas; que os bancos xa están presionando ao empresario, porque xa non ten credibilidade ante ninguén, pero en realidade só sabemos iso”, rematou.