En defensa da continuidade da empresa
O persoal de Maderas Iglesias voltará mobilizarse este sábado
O persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, convoca unha nova mobilización este 21 de outubro en Vigo para reclamar o pago dos salarios pendentes e a posta en marcha de medidas que garantan a supervivencia da compañía.
A manifestación terá lugar en Vigo este sábado 21 e arrincará dende a rúa Couto, onde se atopa a vivenda do propietario, ás 11 horas.
Dende o comité de empresa, conformado por representantes de CIG, CCOO e UGT, denuncian que a dirección segue sen atopar unha saída á crítica situación que atravesa a compañía dende hai sete anos e mantén débedas co cadro de persoal. Maderas Iglesias chegou a contar cun cadro de persoal de 800 empregados, mentres que na actualidade apenas supera os 250.
“Non se entende que unha empresa que foi a primeira produtora de tarima flotante do Estado español e unha das principais do mundo, que tivo sedes nos Estados Unidos, Brasil ou Polonia e que achegou a marca de tarima flotante Greenkett a moitos países estea agora a decaer desta maneira; mais a situación actual é resultado dunha mala xestión e da crise do sector da construción”, sosteñen.
O persoal da empresa porriñesa xa se manifestara o pasado 30 de setembro, ademais de ter realizado xestións institucionais no Concello e no Parlamento, onde esta mesma semana os catro grupos parlamentarios acordaron pedir á Xunta que realice xestións cos donos de Maderas Iglesias para manter a súa continuidade.