Haberá concentracións diante do Parlamento e do Igape
O persoal de Maderas Iglesias maniféstase este xoves en Santiago en defensa da continuidade da empresa
O cadro de persoal da Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en situación crítica, traslada este xoves a Santiago as mobilizacións en defensa da continuidade da compañía.
O comité de empresa, presidido pola CIG, convocou unha xornada de folga este xoves 28 para que os empregados poidan participar nas concentracións previstas ese día diante do Parlamento galego e do Igape. Segundo explican dende o comité, un grupo de alcaldes das comarcas pontevedresas da Louriña e do Condado acompañarán aos traballadores a Santiago para apoiar as súas reivindicacións, conscientes de que se trata dunha compañía estratéxica para a zona e da que dependen centos de familias. Actualmente Maderas Iglesias dá emprego a 250 persoas, das que o 85% son mulleres.
Está previsto que este xoves a representación do cadro de persoal manteña xuntanzas no Parlamento cos distintos grupos políticos a partir das 10:30 horas. Posteriormente, por volta das 12:30 horas, trasladaranse até a sede do Igape para manter unha reunión cos seus responsables co obxectivo de buscar unha solución que garanta a viabilidade da empresa..
Dende o comité sinalan que o vindeiro 12 de xaneiro foron convocados a unha xuntanza coa empresa para comunicarlles os nomes das 140 persoas ás que lles aplicarán o ERE extintivo. “A partir de aí abrirán unha negociación até o 25 de febreiro, data na que presentarían formalmente o ERE”, sinalan desde o comité, que agarda paralizar esta medida e lograr a viabilidade da compañía. "A empresa ten viabilidade no caso de que a Administración se tome en serio a situación”, valoraron.