Domingo 3 e luns 4 de setembro
O persoal de limpeza de Citroën convoca dúas novas xornadas de folga
O persoal de Clece, concesionaria da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, vén de convocar dúas novas xornadas de folga este domingo 3 e o luns 4 por mor do que consideran incumprimento por parte da empresa dos acordos entre o comité e a dirección.
Dende a representación da CIG no comité de Clece explican que a decisión adoptouse tras constatar que a empresa segue sen cumprir tanto os acordos pactados directamente coa empresa como os alcanzados coa mediación do AGA. Ademais, os representantes dos traballadores denuncian os incumprimentos da dirección en materia de subrogación do persoal e no que ten que ver coas condicións máis beneficiosas que teñen os traballadore. Tamén rexeitan o abuso das contratacións eventuais “con posíbel fraude por acumulación de contratos de medio día de duración”.
Coincidindo coas dúas xornadas de folga previstas para o domingo 3 e para o luns 4 os empregados desenvolverán varias mobilizacións: o domingo de 12.30 a 13.30 horas manifestaranse dende a porta principal de Citroën até a rotonda de Castrelos e volverán de novo até as instalacións da empresa de automoción; e de 13.30 a 14.30 horas permanecerán concentrados/as ás portas de Citroën, protesta que terá continuidade pola tarde de 21.00 a 22.00 horas.
As protestas do luns consistirán nunha concentración diante da sede de Clece, en praza América, de 11 a 12 horas, e de 13.30 a 14.30 e de 21.30 a 22.30 horas diante de Citroën; ademais, haberá dúas manifestacións: unha de 12 a 13.30 e de 20.30 a 21.30 horas, tamén dende as instalacións de Citroën até a rotonda de Castrelos.