A CIG, CUT e CCOO convocan protestas polo incremento dos ritmos de traballo
Persoal de montaxe de Citroën oponse á decisión da empresa de aumentar a produción en nove coches máis por quenda
O persoal de montaxe de PSA Peugeot Citroën en Vigo vén de amosar a súa oposición á decisión da empresa de incrementar a cadencia de traballo a partir do mes de xullo, cando está previsto que se fabriquen nove vehículos máis en cada unha das tres quendas sen que isto supoña a contratación de máis traballadores.
Diante disto, as centrais CIG, CUT e CCOO anunciaron a convocatoria dunha concentración diante da fábrica este sábado día 1 de xullo, ao tempo que chaman aos empregados da liña 1 a non acudir ao seu posto de traballo o sábado día 8, coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria.
A representación sindical lembra que os problemas na liña de montaxe véñense arrastrando dende hai anos xa que o persoal soporta cargas de traballo moi elevadas, “mais a decisión de aumentar a produción nun coche cada hora (nove por quenda) é a gota que colma o vaso”. Como consecuencia desta situación, rexístrase un importante índice de absentismo: na actualidade arredor de 400 dos 5.500 empregados/as da factoría viguesa atópanse de baixa, a metade dende hai máis de seis meses.
Segundo denuncian, os repartos de traballo establecidos pola dirección son “irrealizábeis”, polo que consideran “unha falta de respecto” que a empresa non queira sentarse coa representación sindical para buscar unha solución. Neste senso, sinalan que o propio sindicato maioritario -o SIT- recoñeceu nun comunicado que “hai unha serie de repartos que, por distintas causas, os operarios/as non son capaces de realizar”.
Os sindicatos cren necesario garantir unha redución das cargas de traballo e unha mellora no equilibrio dos repartos creando máis postos na liña. Segundo os seus cálculos sería necesario contratar 30 persoas, 10 por quenda. Ademais piden que se concrete cal vai ser o incremento dos descansos que se van establecer mentres dure esta nova cadencia.