Reivindincan a inclusión de dereitos no convenio estatal
As mulleres protagonizan a folga na industria dos conxelados
O sindicato CIG-Mar valora como un “éxito total” a primeira xornada de folga no sector dos elaborados do mar.
Segundo destaca CIG_mar nun comunicado, a folga estivo prrotagonizada polas mulleres, maioritarias no sector, que desde primeiras horas da madrugada logaron paralizar por completo a industria galega dos conxelados. “É unha folga histórica porque non se cinxe, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que é unha folga por dereitos, principalmente das mulleres”. Así o afirmou Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou que o seguimento foi total en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, cunha “resposta magnífica” por parte do persoal.
Alén da reivindicación salarial, a folga céntrase na inclusión de dereitos básicos no convenio estatal. Sinala a central sindical que o convenio estatal, expirado en 2015, é dos máis precarios de todo o ámbito da alimentación, cunha perda importante de poder adquisitivo nestes últimos anos. Neste sentido, reivindican, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros. Esixen, tamén, limitar o traballo temporal e evitar a implantación de fórmulas "abusivas" como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Alén diso, reivindican pluses de refrixeración, dadas as condicións de frío e humidade no que decorre o traballo.
E nun sector onde as mulleres representan entre o 75% e o 85% do total dos cadros de persoal, cobran relevancia dereitos como a conciliación, reducións de xornada, licenzas, permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, entre outros.
Asemade, a CIG-Mar continúa a reivindicar a necesidade "estratéxica" dun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.
A folga continuará os vindeiros mércores 24 e xoves 25 de outubro.