Inician mobilizacións trala ruptura das negociacións
Traballadoras dos elaborados do mar reclamarán en Conxemar un convenio digno
Traballadoras do sector dos produtos elaborados do mar convocan mobilizacións por un acordo digno tras a ruptura das negociacións do convenio estatal.
A feira Conxemar, en Vigo, é o lugar escollido para unha protesta que terá lugar o xoves 4 de outubro ás 10 horas, e que persegue denunciar a actitude involucionista da patronal.
O anuncio produciuse este luns en Pontevedra durante unha rolda de prensa conxunta por parte das centrais presentes na negociación do convenio estatal, CIG, UGT e CCOO, que explicaron que o proceso rachou o pasado 24 de setembro tras unha nova negativa da patronal a mellorar un convenio “sen melloras históricas”.
De feito, e segundo advertiu Xabier Aboi, da CIG-Mar, aínda que a oferta salarial para o primeiro ano é insuficiente, “supón máis que a recoñecida en convenio nos últimos 18 anos”, un dos motivos polos que o tacha como “o peor de todo o sector de alimentación”. As categorías inferiores, segundo indica, non chegan sequera a mileuristas, cuestión que desde a parte social se quere mudar de raíz reivindicando un aumento importante dos salarios. “Esta é a fórmula na que se basea o éxito deste sector”, denuncia.
Alén disto, o sindicalista sitúa a loita pola recuperación de dereitos como o cabalo de batalla da negociación, limitando o traballo temporal e establecendo liñas vermellas en torno ás novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Na rolda de prensa púxose énfase tamén nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.
Insisten en que o sector, que engloba algunhas das empresas máis exportadoras da economía galega, ten un potencial de crecemento moi alto e que iso se debe reflectir na mellora das condicións dos máis de 7.000 traballadores cos que conta en Galicia, entre o 75% e o 85% mulleres.
A concentración deste xoves será a primeira data dunha axenda que aspiran a ampliar "se a patronal non rectifica", mesmo sen descartar a convocatoria de folga.
A CIG-Mar reivindica un convenio galego
Desde a CIG-Mar reivindican, asemade a necesidade estratéxica dun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Lembran o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.