O prazo de inscrición remata o próximo 24 de agosto
A economía circular, nos cursos de verán da USC
A Universidade de Verán 2018 da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofrece un curso sobre economía circular, que se impartirá entre os días 27 e 31 de agosto na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.
O curso, dirixido por Rocío García Carregal, ten como obxectivo tratar o concepto da economía circular dende diversos ámbitos. Por unha banda, a parte lexislativa impulsada pola Unión Europea para a regulación e implantación no sector industrial cara o aproveitamento material e enerxético e, por outra, a aplicación práctica con casos de éxito nas empresas e administración pública.
As sesións abranguen a economía circular dende a perspectiva ambiental e social. O desenvolvemento económico asociado, a pegada ecolóxica e a transformación de refugallos de creación artística en material de deseño téxtil son algúns dos contidos que se impartirán no curso. Ademais, os participantes terá a oportunidade de coñecer casos prácticos da nosa contorna.
A matrícula pode formalizarse de xeito presencial ou a través da páxina web da USC ata o 24 de agosto.