Fronte á Delegación do Goberno
Delegados sindicais da Administración Xeral do Estado concentraranse este martes na Coruña para reclamar máis emprego público
Os responsables de Administración Xeral do Estado (AXE) da Área Pública de CCOO e da Federación de empregadas e empregados dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) en Galicia, Maximino Pose e José Ángel Carreira, presentaron en rolda de prensa a concentración que terá lugar este martes, día 30, na Coruña para demandar máis empregos públicos, recuperación de dereitos e un salario xusto na Administración Xeral do Estado.
Os delegados sindicais de CCOO e UGT concentraranse a mediodía fronte á Delegación do Goberno na Coruña, unha mobilización que forma parte dun calendario máis amplo que comezou xa no mes de xuño do ano pasado e que se está a repetir en todo o Estado..
No encontro cos medios os representantes sindicais denunciaron que dende o 2010 o persoal na Administración Xeral do Estado (AXE) reduciuse nun 14%, "o que situou preto do colapso a boa parte dos servizos públicos que presta", sinalan nun comunicado. UGT e CCOO consideran que os últimos acordos en materia de emprego supuxeron un tímido avance pero a situación está lonxe dunha solución pois a previsión de xubilación nos próximos cinco anos na AXE está próxima aos 25.000 efectivos.
En canto á situación retributiva, cualifícana de "insostible". "Dende 2010 as reducións e conxelacións salariais e os incrementos ridículos colocaron aos traballadores da AXE, que xa se atopaban en situación desfavorable en relación aos de outras administracións, nunha conxuntura insostible salarialmente", polo que os dous sindicatos estatais instan ao Goberno a que se sente a negociar xa unha política de emprego "para frear a progresiva perda de postos de traballo na AXE e as políticas privatizadoras de servizos". Estiman que debería producirs eunha suba salarial de 250 euros lineais "que permita ao persoal desta Administración acadar un nivel retributivo xusto e digno". Esta cantiidade supón o 10% da masa salarial, fronte ao 13,3% que os funcionarios levan perdido desde 2010.
Os dous sindicatos tamén urxen o desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público e o desbloqueo do IV Convenio único para adaptar o sistema de clasificación profesional coa aplicación efectiva do grupo B, e que se recuperen os dereitos "arrebatados" en materia de IT, formación, accións social ou masa salarial dos plans de pensións.