27 postos están aínda vacantes
Un de cada dez contratos do programa "Ben Empregado 4" da Deputación de Lugo será indefinido
154 desempregados lucenses atoparon un posto de traballo a través do programa da Deputación de Lugo "Ben Empregado 4".
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, recibiu este martes na Praza de San Marcos aos 154 lucenses que retoman a súa traxectoria laboral en empresas e colectivos sociais da provincia grazas ao programa "Ben Empregado 4, máis social". Fíxoo na xornada na que traballadores e empresas se coñeceron antes de formalizar durante os vindeiros cinco días os seus contratos. O 10% dos mesmos serán indefinidos e o 90% a xornada completa segundo o compromiso asumido polas entidades participantes. No acto tamén participaron a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.
Campos Conde destacou que “na primeira e segunda edición do Ben Empregado conseguimos unha inserción laboral do 35%, é dicir, que 171 persoas continúan a día de hoxe nos seus postos de traballo cando xa rematou o período dun ano subvencionable por parte da Deputación. Agardamos que este alto nivel de inserción laboral, que non acadan os plans de calquera outra institución, siga a medrar”.
“Nós cremos no talento, a intelixencia e a capacidade da nosa xente e por iso investimos 2,2 millóns de euros nesta última edición deste plan de emprego. Pensamos que non hai investimento mellor que o que axuda ás persoas a ter un traballo digno e ás pemes, autónomos e asociacións lucenses a aumentar a súa actividade, o que redunda en beneficio de toda a provincia”, destacou Campos Conde.
Nova oferta de postos de traballo
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, anunciou que hoxe mesmo publicouse a relación de 27 novos postos que quedaron vacantes, de maneira que calquera desempregado lucense poderá inscribirse para optar a estas prazas na Axencia de Colocación da Deputación.
O "Ben Empregado 4, máis social" inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante un ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, pemes e asociacións lucenses. O organismo provincial asume ao 100% os custos laborais de 19 traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de 39 novos empregados en asociacións da provincia e o 50% de123 traballadores en xeral.