Inclúe axudas á contratación para autónomos, empresas e colectivos sociais
A Deputación de Lugo prevé xerar 150 postos de traballo co "Ben Empregado 4"
O voceiro da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou este venres sobre a aprobación na Xunta de Goberno do "Ben Empregado 4, máis social!", dotado de 2,2 millóns de euros, que permitirán a xeración duns 150 novos postos de traballo na provincia.
O programa "Ben Empregado 4, máis social!" da Deputación de Lugo inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos sociais de toda a provincia, para a contratación, durante un ano, de novos traballadores cos que, “ademais de facer fronte ao taxa de paro, contribuír á actividade de autónomos, pemes e asociacións lucenses co obxectivo de dinamizar a economía da provincia e contribuír á importante labor social do tecido asociativo”, apuntou Álvaro Santos Ramos.
O plan contempla tres liñas de financiamento: de ata o 100% dos custos laborais "de novos traballadores en empresas da provincia cando se traten de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral”, explicou o voceiro da Deputación luguesa. Asemade, financiarán ao 90% "os custos laborais de novos traballadores en colectivos sociais lucenses para contribuír á importante actividade que desenvolven na nosa provincia en atención á cidadanía”, e finalmente asumirán o 50% dos "custos laborais de novos traballadores en xeral en empresas de toda índole e da provincia”.
Unha vez publicadas na Base Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia, abrirase o prazo de solicitude das axudas. Simultaneamente a todo este proceso, tamén se abrirá, previsiblemente nos vindeiros días, un prazo de preinscrición para lucenses con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral se anoten como solicitantes dos postos de traballo do "Ben Empregado 4". “Isto permitiranos ofrecer a empresas e colectivos sociais os perfís laborais deste colectivo co obxectivo de que os demanden”, detallou o deputado.
Poderán optar ás axudas todos os autónomos, pemes e colectivos sociais da provincia agás aqueles que se beneficiasen das anteriores edicións do "Ben Empregado" e, rematada a subvención, non contratasen finalmente aos traballadores; e tampouco ás que renunciasen as axudas con persoal xa seleccionado que non quixeron contratar.
30% de inserción laboral
Segundo informou Santos Ramos, a a día de hoxe hai uns 130 lucenses, que estaban no paro, traballando en empresas e colectivos da provincia co "Ben Empregado 3". Santos Ramos informou que “co Ben Empregado 1, que é o único que rematou, conseguimos unha inserción laboral do 30%. Isto supón que unhas 65 persoas continúan nos seus postos de traballo a día de hoxe. Esta porcentaxe de inserción laboral é dúas veces superior a de calquera programación de emprego en todos os niveis, por exemplos, as que poden ofrece o INEM”.