Para 193 ofertas laborais
A Deputación de Lugo recibiu máis de 4.500 solicitudes para optar aos postos de traballo do “Ben Empregado 3"
Máis de 4.500 lucenses desempregados presentaron unha solicitude para optar a algún dos 193 perfís laborais que ofertan 178 empresas da provicia a través do programa da Deputación de Lugo "Ben Empregado 3, máis social".
O “Ben Empregado 3, máis social” está dotado de 2,3 millóns de euros cos que o Goberno da Deputación asume os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano en empresas e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.
Finalizado o prazo de inscrición no Rexistro da Deputación e contabilizadas as solicitudes entregadas nos Rexistros doutras administracións e as enviadas por correo postal, técnicos provinciais están a valorar as solicitudes. Durante o mes de marzo publicaranse en www.deputacionlugo.gal as listas de admitidos e excluídos e abrirase un prazo de tres días para solucionar posibles requirimentos. Transcorridos quince días, arrancará o proceso de selección dos solicitantes. A previsión é que os 193 traballadores inicien a súa nova andaina laboral antes de xuño.
Son 36 as empresas que optaron pola primeira liña do "Ben Empregado 3" e que recibirán cada unha un máximo de 22.000 euros da Deputación de Lugo para a contratación de 39 lucenses no paro con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables. 116 empresas decantáronse pola segunda liña e recibirán o 50% da axuda económica da Deputación para a contratación de 126 desempregados lucenses.
Aos colectivos sen ánimo de lucro, a Deputación ofrece o 100% da axuda económica (un máximo de 22.000 euros) cos que asumir todos os custos laborais dos novos traballadores co obxectivo de contribuír a súa actividade socias. Son 26 asociacións da provincia as que poderán contratar 28 lucenses no paro.