A través da súa plataforma online Doing Business
A Xunta recolle suxerencias para a futura Lei de implantación empresarial
A Xunta vén de activar unha plataforma cidadá para recoller propostas para a elaboración da Lei de implantación empresarial.
Autónomos, emprendedores, empresarios e particulares xa poden enviar as súas achegas a través do enderezo electrónico [email protected]. O obxectivo é deseñar unha normativa que se axuste ás necesidades do tecido empresarial galego.
A Lei, que se enmarca no Plan de acción para a captación de novos investimentos en Galicia posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, pretende facilitar a chegada de novos proxectos e consolidar os xa existentes. Neste sentido, a Xunta busca favorecer a implantación de actividade industrial mediante a simplificación da tramitación administrativa, desenvolvendo mellores axudas e apoios ás actividades empresariais e levando a cabo actuacións específicas que contribúan á dinamización do tecido empresarial.
Con esta consulta, a Xunta pretende recoller as propostas da cidadanía para a futura Lei aproveitando as vantaxes que ofrece a Oficina Doing Business, a plataforma pública online posta en marcha o ano pasado e que se constitúe como unha canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar novos proxectos.