Do 16 ao 30 de xuño

Unha nova campaña de Xunta e Federación Galega de Comercio busca impulsar as vendas no comercio de proximidade

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, coa colaboración das federacións provinciais de comercio, as asociacións e centros comerciais abertos e Abanca impulsan a campaña "Días azuis no comercio galego" que ten por obxecto dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes. 

Unha nova campaña de Xunta e Federación Galega de Comercio busca impulsar as vendas no comercio de proximidade
Gabriel González, Sol Vázquez e José María Seijas presentaron a campaña.
Gabriel González, Sol Vázquez e José María Seijas presentaron a campaña./C.PAZ.

A iniciativa, que se celebrará do 16 ao 30 de xuño en toda a comunidade, foi presentada pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e polo director da Rede Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa.

A directora xeral de Comercio explicou que todos os consumidores que merquen no pequeno comercio durante os días de duración da campaña poderán participar nun sorteo no que se repartirán 16.000 euros. Os clientes dos comercios, que deberán gardar ou fotografar o tícket de compra como xustificante, poden enviar un sms ao teléfono 981 099 093 co texto “DIASAZUIS”, seguido do nome e o apelido; rexistrar a compra a través da páxina www.diasazuis.com, ou ben facelo a través do comerciante.

Os premios, achegados por Abanca, distribuiranse en 8 tarxetas de prepago de 500 euros (dúas por provincia); 20 tarxetas prepago de 300 euros (cinco por provincia) e 40 tarxetas prepago de 150 euros (10 por provincia). Estas tarxetas deberán ser utilizadas para comprar novamente no comercio de proximidade galego, durante todo o 2017. O sorteo terá lugar ante e por notario o día 5 de xullo. Ademais, durante os tres venres da campaña realizaranse actividades de dinamización en distintas localidades.

A iniciativa enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020, e que ten contribuído ao reforzo do sector, que no mes de abril conseguiu incrementar as súas vendas nun 0,9% con respecto ao mesmo mes do ano anterior fronte ao descenso do 1% rexistrado a nivel nacional; un crecemento que en Galicia alcanza o 1,4% no primeiro cuadrimestre de 2017.

Unha nova campaña de Xunta e Federación Galega de Comercio busca impulsar as vendas no comercio de proximidade