Reserva un millón de euros
A Deputación concederá préstamos sen xuros aos municipios pontevedreses
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases para a concesión, por concorrencia competitiva, de préstamos sen xuros a municipios da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 50.000 habitantes para o ano 2017. A contía destinada a este fin ascende a un millón de euros.
O principal obxecto da concesión de anticipos aos concellos é o de facilitar unha fonte de financiamento ao menor custo posible e sen xuros para que poidan afrontar a execución de investimentos e operacións de tesourería. Para poder optar a estas axudas, os concellos deberán ter aprobado o orzamento para o exercicio de 2017 e non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación.
O Goberno provincial decidiu que estes préstamos se concederan sen xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo e por pública concorrencia, en contraposición co que acontecía co anterior goberno. Neste contexto, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recordou que “o anterior goberno concedía os préstamos e anticipos con intereses situados no 2%, algo que nós decidimos suprimir co fin de contribuír a facilitar que os concellos puidesen afrontar os investimentos e as operacións de tesourería”.
Tamén subliñou Carmela Silva que “este ano quixemos que este programa se aprobase máis cedo, en xaneiro, porque consideramos que se trata dun instrumento máis de planificación de políticas públicas que teñen por obxecto o fomento ou promoción dunha utilidade pública ou interese social”.
O pasado ano concedéronse préstamos a nove concellos; en concreto a Fornelos de Montes, Silleda, Catoira, Poio, Pazos de Borbén, A Cañiza, Salceda, Cuntis e Vilanova de Arousa.