De carácter non oficial e independente
Constitúese o Foro Enerxético de Galicia, que pretende impulsar o debate sectorial na nosa Comunidade
O venres 15 de setembro constituíuse en Santiago de Compostela o Foro Enerxético de Galicia
O Foro Enerxético de Galicia pretende impulsar o debate sectorial na nosa Comunidade Autónoma, así como lanzar propostas para a mellora das infraestruturas enerxéticas, a posta en valor da innovación e o coñecemento sobre un sector no que Galicia é lider a nivel nacional e contribuir a alcanzar o obxectivo que o 20% do PIB galego proveña do sector industrial.
Este Foro está impulsado polo Comité de Redacción da Revista gallega de energía Dínamo-Técnica, unha publicación especializada de periodicidade semestral que se edita desde 1999. O Foro é unha iniciativa non oficial e independente, que non está vinculada a ningunha administración pública, organismo empresarial ou grupo de interese.
O Foro Enerxético de Galicia está composto por profesionais de recoñecido prestixio no sector da enerxía en Galicia. Entre os seus membros figuran Oriol Sarmiento Díez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia; Carlos Rivas Pereda, doutor enxeñeiro e especialista en I+D; Ernesto Rodríguez Blanco, enxeñeiro industrial especializado en enerxía eólica; Javier Basanta García, enxeñeiro técnico industrial especialista en mantemento de instalacións; José Mouriño Díaz, enxeñeiro técnico industrial especializado en biomasa e climatización, e Diego Gómez Díaz, doutor enxeñeiro químico e profesor do Departamento de Enxeñería Química da USC. O voceiro deste grupo é Fernando Blanco Silva, enxeñeiro industrial e doutor en Desenvolvemento Sostible..