Na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda
A II Feira da Enerxía, en marzo de 2018
A Xunta de Galicia e a Fundación Semana Verde de Galicia prevén celebrar en marzo de 2018 a segunda edición da Feira da Enerxía.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, anunciaron este mércores que ambas institucións traballan na organización desta feira tras o éxito da primeira edición. O anuncio tivo lugar logo dunha reunión co comité organizador que fixou os días 22, 23 e 24 de marzo de 2018 como datas para a celebración da feira.
O obxectivo da celebración deste evento monográfico, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora a través dun convenio coa Fundación Semana Verde de Galicia, é promover os principais sectores enerxéticos galegos, tanto entre os profesionais como entre os consumidores, froito do compromiso do Goberno galego de avanzar cara un modelo enerxético sustentable.
Así, tal e como destacou o director xeral, unha das finalidades desta feira que se celebrará o ano que vén na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda, é dar a coñecer a estrutura empresarial e produtiva do sector enerxético galego, así como convertirse en punto de encontro para os profesionais. Neste sentido, destacan as grandes oportunidades que a Comunidade ten en canto ás enerxías hidráulica, eólica e a biomasa así como a aposta que nos últimos anos se ten feito desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o uso de novas enerxías como a aerotermia ou a xeotermia a través de distintas liñas de axudas. Froito destas políticas, case o 90% da enerxía eléctrica que consumen os galegos está producida por tecnoloxías renovables.
Por outra banda, e dentro dos compromisos do Goberno galego tanto de estender o uso de enerxías renovables entre particulares, empresas e administracións, como de promover as boas prácticas no uso da enerxía, esta feira pretende chegar aos consumidores para divulgar as posibilidades que as novas fontes ofrecen, así como fomentar o uso racional das mesmas e promover a cultura da eficiencia enerxética no día a día dos galegos. Así, os asistentes terán a posibilidade de afondar no seu coñecemento do gas natural licuado (GNL), as enerxías renovables clásicas (hidráulica, eólica e solar) e novas (aerotermia e xeotermia) e o potencial do autoconsumo.
En concreto, os eixos sobre os que xirará esta segunda edición serán as enerxías renovables, as políticas de aforro e de eficiencia enerxética, así como os combustibles alternativos.
Coa celebración da II Feira da Enerxía, o Goberno galego agarda posicionar este evento como un referente do sector no suroeste europeo, así como dar a coñecer fóra das nosas fronteiras o potencial que a Comunidade ten neste ámbito.
Primeira edición en 2016
A I Feira de Enerxía de Galicia celebrouse no ano 2016 a través de tres xornadas que reuniron a un total de 5.500 participantes. A convocatoria contou con 241 firmas de 16 países, que deron a coñecer os seus produtos e servizos nun espazo de 11.000 metros cadrados.