Contribuiría a alcanzar o 20% do PIB en produción industrial
O Foro Enerxético de Galicia reivindica a implantación de novos parques eólicos na Comunidade
O Foro Enerxético de Galicia vén de reivindicar a implantación de novos parques eólicos na nosa Comunidade Autónoma, como forma fundamental de revitalizar a economía industrial galega.
As recentes poxas eólicas celebradas por parte do Ministerio de Industria abren a posibilidade de implantar ata uns 600 MW eólicos, pero para acadar esta cifra é precisa unha alianza entre as empresas adxudicatarias, fabricantes de compoñentes e as administracións autonómica e estatal.
Por parte do Foro Enerxético de Galicia estiman que a implantación de 600 MW eólicos suporía un investimento duns 700 millóns de euros en novos parques eólicos, o que contribuiría a aproximarnos ao 20% do PIB en produción industrial. "porque a Comunidade Autónoma podería achegar excelentes recursos para fabricar os compoñentes (palas, torres, turbinas...), instalacións asociadas (novas liñas eléctricas, subestacións e centros de transformación), enxeñería e as infraestruturas necesarias (dende as zapatas dos aeroxeradores ata a ampliación e mellora das comunicacións terrestres existentes)". Engade o Foro o importante valor engadido da enerxía eólica "porque produce postos de traballo de forma local e sostido, a diferencia das fontes convencionais nas que o custo fundamental é o propio material (petróleo ou gas natural)".
Para acadar esta potencia é necesario "un compromiso por parte das empresas adxudicatarias da poxa eólica para que estes megavatios estean en funcionamento o 31 de decembro de 2019, tal e como esixen as condicións da poxa".
O Foro Enerxético reivindica que Galicia é a Comunidade Autónoma coas mellores condicións de recurso eólico en toda a Península Ibérica, "fomos pioneiros a nivel mundial e que o know how en enerxía é dos máis importantes de Europa, por ter aeroxadores funcionando dende hai máis de 30 anos na Comunidade". Nesta mesma liña desexan poñer en valor a repotenciación dos parques eólicos máis vellos, para o que sería positivo axilizar a súa tramitación e incrementar a seguridade xurídica do sector; "desta maneira Galicia podería volver a liderar a implantación de tecnoloxía eólica en España no ano 2020", engade este grupo de expertos.
O Foro Enerxético de Galicia é unha iniciativa non oficial e independente, constituída en Santiago o pasado mes de setembro, e composta por profesionais de recoñecido prestixio no sector da enerxía en Galicia.