É á súa resposta á proposta de Alcoa de ampliar o período de consultas se os sindicatos constitúen a mesa de negociación
CIG-Alcoa: "Se a empresa ten verdadeira vontade para negociar, primeiro ten que retirar o ERE"
A sección sindical da CIG en Alcoa A Coruña reclama á multinacional que retire o expediente de despido colectivo "se realmente ten vontade de dialogar".
"Se cumpre esa premisa, a retirada do ERE, nós estaríamos dispostos a sentar a negociar alternativas para a fábrica que garantan a continuidade dos empregos e da actividade produtiva", afirman desde a sección sindical da CIG.
O sindicato non acepta, pola contra o que considera unha "chantaxe" de Alcoa "para obrigarnos a constituír a mesa de negociación -á que non damos validez legal por entender que o expediente debería ser abordado en cada centro de traballo- a cambio de ampliar o período de consultas. Nin estamos de acordo cos argumentos da empresa para xustificar o ERE, nin coas súas formas. Esta fábrica é viábel e ten futuro, e iso é o polo que imos pelexar até o final".
A demanda de retirada do ERE para abordar o futuro das instalacións cobra máis forza aínda ante o cambio de escenario producido coa publicación da convocatoria da poxa da interrompibilidade para o vindeiro mes de decembro. "Manter o expediente non ten sentido", reiteran.
En calquera caso, os delegados da CIG outorgan "pouca credibilidade" as afirmacións da empresa e critican a negativa "obstinada" de Alcoa a negociar alternativas ao peche das fábricas.
Posibles compradores
No tocante á posibles compradores, a representación da CIG amósase cautelosa ante a informacións da ministra de Industria, sobre todo á vista das declaracións contraditorias que se están emitindo estes días entre a administración e a empresa. "O importante agora é que se paralice o ERE, non termos esa presión enriba para poder buscar unha solución. A partir de aí, se Alcoa teima no peche, os gobernos deberán tomar as medidas necesarias, porque non se pode permitir a destrución de case 400 empregos directos nesta comarca e o desmantelamento dun sector estratéxico para Galiza como o do aluminio. E se non hai comprador, sería na SEPI o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse".
Estatuto de empresas electrointensivas
Sobre a creación do estatuto de empresas electrointensivas, a sección sindical lembra que hai unhas semanas a CIG remitiu ao Goberno central, a Xunta e á patronal do sector unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estable á que se poidan acoller este tipo de empresas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos.
"Resulta positivo que por fin se comece a falar desta cuestión, polo que lle pedimos ao Goberno que, ademais de dirixirse á Xunta, teña en conta a proposta da CIG para avanzar unha solución canto antes á problemática do custo da enerxía para estas industrias", subliñan. Dende a sección sindical recalcan a necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa que rache coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.