Conformada por 19 grupos de investigación
A Agrupación Estratéxica BETA+ estudará a dimensión do territorio galego desde un punto de vista produtivo e ambiental
Traballar na dimensión territorial dos procesos demográficos e as actividades produtivas en relación co aproveitamento e conservación dos recursos naturais e culturais é a finalidade da Agrupación Estratéxica BETA+ en bioeconomía, emprendemento, territorio e ambiente que vén de presentarse na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A nova rede confórmana 19 grupos de investigación das ciencias sociais, humanas e enxeñerías, dos que 16 pertencen á USC e as tres restantes á Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e o CIAM-Mabegondo.
BETA+ presentouse este venres nunha xornada pública que inaugurou a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e na que algúns dos investigadores principais dos grupos interviñeron para contar ao que dedicarán os seus esforzos na agrupación. “O despoboamento, o uso racional de recursos naturais e culturais en beneficio da comunidade e da súa cohesión e benestar, a garantía de manutención, a responsabilidade social e ambiental son algúns dos asuntos chave da nosa sociedade, como de tantas outras que esta agrupación pretende, decididamente, enfrontar e sobre as que quere achegar solucións concretas”, aseguraron na presentación os responsables.
“Non queremos só resultados publicables, senón transmitilos á sociedade e ir mellorando o noso territorio, traballar para o benestar na xente”, concluíron. Trátase, en suma, de dar unha resposta rigorosa e científica ás necesidades do país á vez que constituír un modelo pioneiro de entorno investigador interdisciplinar no ámbito das ciencias sociais e humanas en Galicia e ser nodo de referencia para atraer novos investigadores.
19 grupos galegos
BETA+ está conformada polos grupos de investigación máis activos da USC nos ámbitos de estudo aos que se vai dedicar e que en total reúnen preto de 170 investigadores. En programas de I+D, os grupos da rede proposta captaron no trienio 2012-2014 o 18% dos recursos da USC, o 14% de proxectos e o 17% de teses lidas.
Os datos de contratación de investigadores son tamén reveladores, o que unido á capacidade de atraer xente nova a través de programas de reincorporación “definen un entorno competitivo e de grande proxección en termos de recursos humanos”, explican. E engaden máis cifras: no ámbito de ciencias sociais e humanas, os grupos de BETA+ lograron no período 2005-2014 o 60 % dos contratados Ramón y Cajal, o 30% dos Parga Pondal e o 50% dos Marie Curie.
BETA+ está formada polos grupos da USC Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI); Análise territorial (ANTE); Construción sustentábel para o medio rural e natural (COSMERUN); Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (ECOAGRASOC); Analise xurídico-económica (ECOIURIS); Estudos dos sistemas culturais (GALABRA); Análise e Modelización Económica (GAME); Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio (GESPIC); Historia moderna (HISTORIA MODERNA); Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural (IACOBUS); Historia política e dos nacionalismos (HISPONA); Historia agraria e política do mundo rural (HISTAGRA); Historia de América (HISTAMÉRICA); Síncrisis, Investigación en Formas Culturais (SIFC - SINCRISIS); Valoración financeira aplicada (VALFINAP); Métodos cuantitativos e xestión de empresas agroalimentarias (MÉTODOS E XESTIÓN DE EMPRESAS); Proxectos e Planificación (PROEPLA); e Territorio, Biodiversidade (LABORATE).
Completan a agrupación o Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC, o de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEA) da UVigo, e o de Sistemas de Produción e Calidade do Leite de Vacún de CIAM-Mabegondo.