Subvencionará a rehabilitación en granito, tella cerámica e lousa
A Xunta lanza unha nova liña de axudas para mellora enerxética de cubertas e fachadas
A nova convocatoria do Plan Renove de lousa, granito e tella cerámica da Xunta de Galicia permitirá desenvolver máis de 500 proxectos para a renovación de cubertas e fachadas de inmobles.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou este plan que conta cun investimento de 1,95 millóns de euros, un 30% máis que o orzamentado inicialmente o pasado ano. Inclúe tres ordes de axudas para a rehabilitación con granito da envolvente das fachadas, renovación de cubertas existentes con tella cerámica e renovación de cubertas e fachadas con lousa.
Poderanse beneficiar destas medidas aquelas persoas e comunidades de propietarios titulares de vivendas ou edificios de vivenda colectiva que presenten as súas solicitudes, durante un prazo de tres meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para o 6 de xullo.
Ao ser unha convocatoria por concorrencia non competitiva, o prazo poderá rematar antes por esgotamento do crédito previsto. Os beneficiarios accederán a axudas de ata un 40%, que serán dun máximo de 140 euros por metro cadrado no caso das de granito, 70 euros no caso da lousa ou 55 euros en tella cerámica.
Con esta medida, os fogares galegos obterán un importante aforro económico nas facturas enerxéticas froito do uso, en cubertas e fachadas, de materiais que permiten unha maior eficiencia, ademais da mellora da calidade e da estética das vivendas. Tal e como explicou o director xeral, estas tres ordes de axudas teñen como principais beneficiarios ás familias galegas e lembrou a importancia de aforrar enerxía nas vivendas: “Un illamento axeitado dunha cuberta dun edificio supón un aforro enerxético dun 20% e dunha envolvente exterior sobre un 15%, de xeito que as vivendas que se acollen a estas liñas de axuda poden chegar a aforros de practicamente o 40%”, sinalou. Ao mesmo tempo, a iniciativa promove a dinamización sostible do sector mineiro relacionado con estes materiais e o impulso do sector da construción e a reforma.
Plan Vivenda 2017
Esta nova convocatoria inclúese dentro do Plan Vivenda 2017, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa finalidade de mellorar o aforro e a eficiencia enerxética nas vivendas galegas a través de axudas para a renovación de fiestras, ascensores e instalacións eléctricas, así como para a implantación de caldeiras de biomasa e doutras instalacións que usan enerxías renovables como xeotermia, aerotermia ou solar térmica, ademais do plan de autoconsumo. En total, a Xunta inviste neste plan 8,2 millóns de euros, fronte aos case 7,9 millóns do pasado ano.