Como novidade impulsaranse dous proxectos nos ámbitos da fábrica virtual e a TIC industrial
A segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0 achegará catro millóns de euros a seis proxectos piloto
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a convocatoria da segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0, dotada con catro millóns de euros e coa que se prevé mobilizar 10 millóns en seis proxectos piloto nos que participarán arredor de medio cento de pequenas e medianas empresas galegas.
A iniciativa prevé seleccionar, por unha parte, catro novos proxectos colectivos para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega, que se sumarán aos da primeira edición, que están a ser desenvolvidos por Ceaga, no ámbito da automoción; o Clúster da Madeira; Clusaga (alimentación) e Asime, no aeronáutico, e nos que están a participar un total de 38 pemes mobilizando 7,5 millóns de euros.
Como novidade desta segunda convocatoria, cofinanciada con fondos Feder, impulsaranse ademais un proxecto temático no ámbito específico da fábrica virtual (a simulación de procesos para optimizalos) e outro na TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, o seguimento do produto, internet das cousas e análise de negocio e os modelos preditivos utilizando datos masivos (big data).
O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, facilitando así a formación por parte dos clústers e asociacións empresariais de grupos ou alianzas de traballo conformadas por un mínimo de tres empresas.
A axuda máxima será dun millón de euros por cada un dos proxectos, incluíndo un premio de ata 25.000 euros para as entidades coordinadoras de cada unha das iniciativas seleccionadas. Escollerá os proxectos un xurado composto por representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación e expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.
As empresas que desexen impulsar un proxecto de investimento 4.0 e necesiten contactar cun organismo intermedio para presentalo á convocatoria aberta, poden facelo seguindo as instrucións publicadas na web do Igape. Do mesmo xeito, os organismos intermedios que queiran presentar solicitude ao abeiro desta liña poden dirixirse ao Igape para publicar, na mesma páxina, as liñas xerais da iniciativa e para localizar, así, empresas que desexen sumarse.