En Innolact, Kiwi Atlántico e Bodegas Martín Códax
A Xunta avalía o desenvolvemento dos proxectos 4.0 das empresas de alimentación lideradas por Clusaga
O director do Igape, Juan Cividanes, participou nun encontro de traballo que tivo por obxecto avaliar a situación dos proxectos que están a desenvolver, no ámbito da Industria 4.0 , tres empresas do sector de alimentación que contan coa colaboración e o impulso do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
O encontro do Igape con directivos de Clusaga e das empresas que decidiron investir neste ámbito –Innolact, Kiwi Atlántico e Bodegas Martín Códax– tivo un obxectivo dobre: avaliar os avances no desenvolvemento dos proxectos aprobados no ámbito do concurso de ideas Industria 4.0 e facilitar o asesoramento preciso para favorecer a axeitada execución destes investimentos acollidos a este programa pioneiro.
As empresas do sector alimentario que se acolleron a este programa de axudas están a impulsar a aplicación de novas tecnoloxías intelixentes nos procesos empresariais, como a aplicación de solucións dixitais nunha liña intelixente de envasado de bebidas, no caso de Martín Códax; o desenvolvemento dun sistema non invasivo para determinar a calidade do froito e clasificalo de xeito automatizado, no caso de Kiwi Atlántico; e a aplicación de sistemas de automatización no proceso produtivo, no caso de Innolact. As axudas concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitan a mobilización de investimentos 4.0 por importe de 565.000 euros.
O director do Igape recoñeceu que as empresas do sector alimentario galego están entre as que máis destacan polo seu avance nos mercados internacionais, en boa medida grazas a unha decidida aposta pola calidade e a mellora continuada. Consolidar os avances nestes ámbitos é tamén o obxectivo destas axudas Fábrica 4.0, segundo sinalou Cividanes. No encontro, responsables do Igape facilitaron ademais información sobre os diferentes instrumentos de apoio á actividade empresarial e sobre os servizos avanzados que achega o programa ReAcciona para impulsar a mellora da competitividade das pemes.