A Xunta financiará o 100% da formación das empresas
Publicadas as axudas para impulsar as Unidades Formativas en Empresas
O Diario Oficial de Galicia publicou as axudas do programa Unidades Formativas nas Empresas da Consellería de Economía, Emprego e Industria co que se impulsa con máis de 1,4 millóns de euros a formación nas empresas cun compromiso de contratación.
A previsión da Xunta é beneficiar con estes apoios a 450 alumnos a través de 30 unidades formativas.
Con estas axudas, o Goberno galego financia o 100% da formación das empresas que, pola súa banda, deberán contratar a un mínimo do 60% dos participantes. Aquelas compañías que superen este mínimo de inserción laboral contarán, ademais, con incentivos da Xunta para a contratación, que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido.
O orzamento destas axudas dirixidas ás empresas cun mínimo de 50 persoas traballadoras é ampliable para atender a todas as solicitudes sempre que cumpran cos requisitos establecidos.
O prazo límite para presentar as solicitudes no caso do programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata é do 31 de outubro. No caso das axudas de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata o límite máximo é do 15 de decembro.
Galicia é a única Comunidade Autónoma que, a través deste tipo de programas de formación á carta, financia directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral fixado.
Es