Preténdese apoiar os postos de traballo de 2.500 persoas con discapacidade
Publicadas as axudas para centros especiais de emprego
O DOG vén de convocar as axudas para os centros especiais de emprego para as que a Xunta destina este ano un total de 12,4 millóns de euros.
Así o avanzou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, nunha visita que realizou a Trameve, un centro especial de emprego situado en Santiago dedicado ao tratamento medioambiental de vehículos.
En concreto son tres programas de axudas para os que se abriu o prazo de solicitudes: un destinado ás unidades de apoio á actividade profesional; outro para a creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego; e o terceiro dirixido ao mantemento do custo salarial destes centros.
O obxectivo, segundo apuntou Covadonga Toca, é apoiar os postos de traballo das 2.500 persoas con discapacidade que traballan nos 107 centros especiais de emprego en Galicia, contribuír a crear 40 empregos indefinidos e, ademais, financiar a contratación de 60 traballadores.
Estas axudas enmárcanse na Axenda 20 xunto con outras iniciativas como os programas de incentivos para o fomento da contratación, cuxo prazo está aberto ata o 15 de outubro; ou unha nova iniciativa de apoio para a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que está a punto de convocarse. En total, este ano destínanse 14,6 millóns de euros para promover o emprego de persoas con discapacidade.
A secretaria xeral de Emprego puxo en valor o papel que desempeñan os centros especiais de emprego ao ofrecer unha oportunidade laboral para moitas persoas con discapacidade. Concretamente, destacou o labor de Trameve, onde traballa un equipo de 20 persoas dedicado á recuperación de vehículos para a venda dos seus compoñentes ou con destino ao desguace.