Primaranse os proxectos colectivos de dixitalización
O Igape reserva cinco millóns de euros para impulsar a transformación dixital das pemes galegas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de activar, a través do Igape, unha nova convocatoria das axudas á dixitalización empresarial, destinadas a facilitar a modernización e mellora da competitividade das pemes a través da interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade.
A Xunta destina este ano cinco millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización nas pemes da Comunidade e a apoiar así investimentos nestes ámbitos ao abeiro da Axenda Industria 4.0, contando con financiamento a través Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Ademais da realización de obradoiros para a xeración de proxectos colaborativos de dixitalización, ao abeiro de encontros específicos financiados ao 100%, ao amparo deste novo programa concederanse axudas a investimentos no eido dixital que poderán cubrir ata o 30%, no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, se ben os gastos de colaboracións externos necesarios poderán contar con apoios do 50%.
Na primeira convocatoria, o Igape recibiu máis dun cento de solicitudes de axuda que están en estudo. No marco da nova convocatoria que vén de activarse, as pemes poderán presentar solicitudes ata o día 5 de setembro.
No desenvolvemento de solucións ou sistemas de dixitalización terán prioridade proxectos colectivos, é dicir, os que impliquen un grupo de empresas que colaboren na implantación de sistemas de dixitalización para interactuar entre elas e que, de maneira opcional, poden estar coordinadas por un organismo intermedio. Tamén poden acollerse proxectos individuais de pemes para avanzar na súa propia transformación dixital.
O deseño deste novo programa de axudas á dixitalización parte dos Plans de Sistemas Sectoriais que realizaron conxuntamente a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e o Clúster TIC de Galicia, coa finalidade de detectar as principais necesidades e oportunidades de dixitalización. O obxectivo é apoiar a posta en marcha de sistemas informáticos nos ámbitos que teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: tanto proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa como proxectos individuais de intelixencia artificial e de conectividade inter e intraempresarial.
A Xunta reforza así a súa aposta por un modelo de peme 4.0, dixital, innovadora e exportadora. O novo programa vén reforzar e complementar as convocatorias de axudas para impulsar investimentos 4.0, que se activarán por terceira vez en 2018 e que xa teñen beneficiado a máis de 70 empresas que mobilizan máis de 15 millóns de euros en investimentos.