Son 90.000 euros máis que a pasada convocatoria
A Deputación de Pontevedra destina 440.000 euros a axudas para o sector primario da provincia
A Deputación de Pontevedra aprobará este venres as bases das subvencións ás confrarías e agrupacións de mariscadoras e as dirixidas a cooperativas agrogandeiras da provincia de Pontevedra para investimentos durante o 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,resaltou que “con estas axudas seguimos cumprindo cun compromiso que adquirimos cando tomamos posesión, que é o de fomentar o apoio aos sectores produtivos da nosa provincia” e que “aínda que non temos competencias a nivel económico consideramos que todas as administracións temos a obriga de promover os seus sectores produtivos, xa que o sector primario é o que garante que haxa actividade económica no mundo rural e no mariñeiro, é dicir, alí onde corremos o risco de despoboamento”.
En canto ás subvencións para as confrarías de pesca e asociacións de mariscadoras, Carmela Silva sinalou que “teñen un orzamento de 240.000 euros, o que supón un incremento de 40.000 respecto ao 2017” e tamén explicou que “con estas achegas queremos axudar a levar a cabo todas aquelas accións apoien as confrarías, a federación e as agrupacións de mariscadoras en proxectos e actuacións que teñan como obxecto: a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e a federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovables e o aforro enerxético, material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.”
Poderán solicitar estas axudas as confrarías, a federación provincial e as agrupacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra que estean legalmente constituídas e desenvolvan as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra. A entidade provincial subvencionará entre o 20 e o 80% dos gastos financiables.
Sobre as bases reguladoras de subvencións dirixidas a cooperativas agrogandeiras para investimentos, a presidenta da Deputación de Pontevedra detallou que “contarán cun orzamento de 200.000 euros, 50.000 euros máis que o ano pasado”. A esta liña de subvencións poderán presentarse aquelas cooperativas agrogandeiras pontevedresas que estean legalmente constituídas e desenvolvan as súas actividades no ámbito territorial da provincia.
Silva detallou que “serán susceptibles de axuda todas aquelas accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético; e aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa ben para adquirir terreos para o aumento da base territorial das instalacións, ben para maquinaria ou obras, ben para adquirir equipos e sistemas informáticos”.
Para rematar, a Presidenta apuntou que “o prazo de solicitude dúas liñas de axudas será de 30 días naturais a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra”.