Estratexia Autónomo 2020
Aberto o prazo para solicitar as axudas para facilitar a conciliación dos autónomos e para ampliar a tarifa plana
A Xunta de Galicia acaba de convocar dúas axudas dirixidas a autónomos: para favorecer a conciliación, dunha banda, e para ampliar a tarifa plana de 50 euros, doutra.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a axuda específica dirixida a autónomos para financiar durante 16 semanas a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade. O Goberno galego con esta iniciativa amplía outras 16 semanas máis a bonificación do Estado, o que permitirá aos pais e nais autónomos manter durante un total de 32 semanas este apoio que cubre o 100% da cota empresarial da Seguridade Social, incluíndo os conceptos por accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Este ano a iniciativa, como novidade, é máis flexible, xa que non é necesario que exista un contrato anterior á nova contratación.
Apoiaranse as contratacións que, cumprindo cos requisitos esixidos, se realicen entre o 1 de novembro de 2017 e o 30 de setembro de 2018. Para ter dereito á axuda, previamente a persoa traballadora autónoma debe ter estado de baixa por maternidade ou paternidade e no prazo dos quince días naturais seguintes ao da finalización da baixa por maternidade ou paternidade ter realizado un contrato de calquera modalidade. É, polo tanto, unha axuda flexible, xa que a renovación do contrato se poderá facer, como máximo, nos 15 días posteriores aos que finalice a baixa.
O prazo de solicitude desta actuación, que a Xunta puxo en marcha en Galicia de xeito pioneiro o pasado ano, será de dous meses, ata o 16 de xullo, para as contratacións realizadas entre o 1 de novembro de 2017 e o 15 de maio de 2018, a data de publicación desta convocatoria de axudas. Para os contratos que se desenvolvan posteriormente, o prazo será dun mes desde a data da contratación.
O Goberno galego ten previsto investir este ano 500.000 euros nesta actuación incluída na Estratexia Autónomo 2020 que naceu con carácter permanente, é dicir, que está previsto que se siga prorrogando nos vindeiros anos.
Ampliación da tarifa plana
O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica, doutro lado, a axuda para a ampliación da tarifa plana durante 6 meses máis para a consolidación do traballo autónomo. Este actuación, que conta cun investimento de 750.000 euros, permite, polo tanto, aos traballadores manter durante seis meses máis a cota reducida á Seguridade Social, pagando, deste xeito, durante o seu primeiro ano de actividade só 50 euros. As axudas que saen publicadas nesta convocatoria están dirixidas ás altas anteriores ao 1 de xaneiro deste ano e feitas no segundo semestre de 2017. O prazo de solicitude rematará o 31 de xullo.