O Goberno galego publicará este mes no DOG as axudas do próximo ano
A Consellería de Economía destinará máis de 16 millóns a facilitar a autónomos o inicio de actividade e a contratación
O Goberno autonómico investirá o próximo ano máis de 16 millóns de euros en dous programas dirixidos a autónomos: 14,6 millóns en axudas para impulsar o inicio da actividade, e 1,35 millóns para favorecer a contratación indefinida de traballadores en empresas de autónomos.
Os incentivos para a promoción do emprego autónomo, que se enmarcan na Estratexia Autónomo 2020 da Xunta, teñen por obxectivo facilitar e axilizar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará cada autónomo con 2.000 euros, unha cantidade que se duplicará ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estas contías, segundo sexa o caso, incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea instalada no rural. Deste xeito, as axudas neste programa oscilarán entre os 2.000 e 8.000 euros.
Con estas axudas financiaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional que se formalicen entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive.
O segundo dos programas está destinado a apoiar a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador en empresas de traballadores por conta propia. Para a primeira contratación, concederanse axudas de 3.000 euros, cando se trate dunha persoa sen emprego, que aumentará ata os 5.000 euros para parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. No caso do segundo e terceiro traballador, a contía será de 5.000 euros para os desempregados en xeral, que se incrementará ata os 7.000 euros para os mesmos colectivos -parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social-.
En todos os casos, ao igual que no primeiro dos programas, as axudas aumentarán nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea instalada nun concello do rural. Deste xeito, os apoios oscilarán entre os 3.000 e 14.000 euros.
A principal novidade dos dous programas, dos cales se informaron este xoves no Consello da Xunta, é o establecemento dunha maior contía nas axudas tanto para os parados de longa duración como para as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
O Goberno galego publicará este mes no DOG estas dous convocatorias e axudas.