Convocatoria do Consorcio
150.000 euros en axudas para obras de eficiencia enerxética no casco histórico de Santiago
O Consorcio de Santiago vén de aprobar unha orde de axudas do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, por un importe global de 150.000 euros.
Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.
No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución. Ademais, con carácter especial, e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de andamios, así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra. A cuantía da subvención poderá alcanzar o 40% do presuposto.
Beneficiarios das axudas
Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas, como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios. Pola súa parte, os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación das bases e da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.