Destina dúas partidas que suman 300.000 euros
O Consorcio de Santiago aproba axudas á rehabilitación e para locais comerciais
O Consorcio da Cidade de Santiago celebrou este xoves a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega.
No transcurso da reunión aprobáronse varias liñas de axudas no marco do Programa de Recuperación Urbana do organismo.
Así, a Comisión aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. O importe global destas subvencións ascende aos 150.000 euros.
Por outro lado, deuse luz verde á convocatoria para a concesión de subvencións no marco do “Programa Localízate 2017”, centrado na mellora dos locais comerciais da cidade histórica. Este ano destinaranse 150.000 euros en axudas para optimizar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais.
Terán preferencia as obras destinadas a mellorar a accesibilidade e primarase así mesmo a apertura de novos locais actualmente sen uso. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), a mellora da imaxe externa e do interior, o acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.
Preparación dos Anos Santos
Na xuntanza tamén se presentou o primeiro documento de proposta estratéxica elaborado polo Consorcio para o horizonte dos vindeiros Anos Santos 2021 e 2026 para a súa análise pola Comisión Executiva. Ábrese agora un prazo para o debate e a aportación de suxestións por parte de todas as Administracións e membros participantes. Nas vindeiras semanas iranse incorporando novas propostas co fin de mellorar o documento.