Pablo Casal e Ignacio López-Chaves
Toma de posesión de dous novos cargos en Economía, Emprego e Industria
O novo director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, e o novo presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, tomaron este venres posesión dos seus cargos na Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria., Francisco Conde, destacou do novo director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, a súa traxectoria e experiencia no eido da dirección e xestión administrativa tanto a nivel autonómico como local, lembrando a súa etapa como xerente no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e como secretario xeral do Igape desde 2016. O labor profesional de Casal estivo vinculado ao desenvolvemento económico de Galicia apoiando actividades que permitiron mellorar o sistema produtivo galego, facilitando a creación, consolidación e crecemento empresarial.
Conde sinalou que agora o reto está en seguir acompañando aos traballadores e futuros empregados galegos durante o proceso de cambio do modelo produtivo cara á dixitalización para que poidan adaptar os seus coñecementos e habilidades ás necesidades reais do mercado laboral.
Neste senso, puxo en valor o traballo realizado por Alfonso Marnotes ao fronte ata o de agora da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Indicou que Marnotes iniciou o reto de poñer en marcha novos proxectos centrados no cambio do modelo na formación e baseados nas necesidades do tecido produtivo. Así mesmo, Conde resaltou o traballo de Marnotes para poñer en marcha un novo modelo de orientación laboral nos servizos de emprego.
Novo presidente da Comisión Galega da Competencia
No acto da toma de posesión do novo presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, ao que tamén acudiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Economía destacou a súa gran preparación desde o punto de vista do coñecemento, da administración pública e do dereito e defensa da legalidade apuntando que a súa ponderación e equilibrio son calidades importantes para asumir o novo cargo unido ao seu coñecemento e sensibilidade polas preocupacións dos cidadáns. Conde agradeceu a López-Chaves, ata o de agora delegado territorial da Xunta en Vigo, o paso dado para poñerse ao fronte da Comisión Galega da Competencia, un cargo no que é imprescindible ser un estrito defensor do cumprimento da legalidade e da xustiza.
Conde, ademais, agradeceu o labor realizado ata o de agora por Francisco Hernández e a súa dedicación ao fronte da Comisión Galega da Competencia, adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, un esforzo que contribuíu a defender o correcto funcionamento do mercado galego en beneficio tanto das empresas como dos consumidores.