20ª edición dos galardóns
Strelia Electrotecnia, Numax e Cantigas e Agarimos reciben os Premios Manuel Beiras
Strelia Electrotecnia foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado premiouna por "empregar o galego nun sector empresarial innovador e dinámico como é o da electrónica de telecomunicacións e industrial, no que desenvolve solucións de electrónica profesional en campos como as telecomunicacións, a oceanografía, as ciencias da terra, o control industrial e a eficiencia enerxética". Valorou especialmente que, tendo en conta que gran parte da súa clientela se sitúa fóra das nosas fronteiras, a súa escolla lingüística demostra que "o galego serve para comunicarse, mais tamén para transmitir valores como o de calidade, compromiso, seriedade e respecto pola diversidade natural, social e cultural".
Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Numax Sociedade Cooperativa, por "incorporar a lingua a un proxecto empresarial que tiña tanto de arriscado como de atractivo e innovador. Sala de cinema; libraría; cafetaría; laboratorio de deseño, comunicación e produción... En definitiva, espazo de encontro social e cultural nunha cidade viva que sabe acoller como se merecen propostas deste calado". Para o xurado, Numax representa "un lugar onde o galego comparte protagonismo coas historias que alí suceden".
Finalmente, a distinción especial foi para a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, porque "ao longo dos seus 98 anos de historia, diferentes xeracións de compostelás e composteláns tiveron a oportunidade de se formaren no coñecemento do folclore galego, polo que tamén se converteron en coñecedoras e transmisoras do importante legado lingüístico que este atesoura".
Os galardóns foron entregados nunha gala no Teatro Principal de Santiago na que interviron o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo; o secretario de Politica Lingüística da Xunta, Valentín García; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Na rolda de prensa de presentación dos gañadores, a concelleira de Políticas Lingüísticas Noa Díaz e o vocal da Cámara de Comercio Xavier Freire consideraron importante premiar a estas empresas con recoñecementos públicos, mais sobre todo, "co noso apoio como clientela", porque "temos na nosa man que o galego medre e fai falta que o faga para garantirlle un futuro vizoso". "Celebramos unha data redonda, que é un fito na consolidación dos Premios Manuel Beiras e dos valores que representan. Celebramos a súa continuidade, á que contribuíron desde o ano 2000 os diferentes gobernos da Cámara e do Concello, dos que formaron parte xa todas as forzas políticas".