O 14 de decembro

Estas son as oito empresas que serán homenaxeadas pola Asociación Área Empresarial do Tambre

Balado y Torres, Compostelana de Carnes, Grúas Tambre, Radiadores Compos Ordóñez, Redesyl, Rodamientos e Hidráulica Gallega, Rodiauto e Talleres Antonio Vigo son as oito compañías que serán distinguidas pola Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) ao cumpriren 25 anos como membros da asociación do polígono industrial compostelán neste 2022. 

Estas son as oito empresas que serán homenaxeadas pola Asociación Área Empresarial do Tambre
Fachada de Rodiauto, unha das oito compañías que será recoñecida pola Asociación Área Empresarial do Tambre.
Fachada de Rodiauto, unha das oito compañías que será recoñecida pola Asociación Área Empresarial do Tambre.

A  Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) celebrará o acto de homenaxe o mércores, 14 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre, a partir das 20 horas. O evento será presentado por Manuel Nieto, vicepresidente da Asociación, que fará entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo. O acto estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ademais dun representante da Deputación da Coruña e das empresas distinguidas.

A AAET distingue a capacidade de traballo que, ao menos, durante 25 anos veñen realizando estas empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente, José Fernández Alborés, explica que a asociación organiza este evento para enxalzar as particularidades e o bo facer de cada empresa, pero sempre destacando os “ingredientes comúns e imprescindibles” para o éxito empresarial que comparten todas as compañías, como son a ilusión, o esforzo e a colaboración. “As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a unha nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano”, explica Alborés.

As oito empresas

  • Balado y Torres é unha empresa dedicada á carpintería metálica e á cristalería, que nace en 1995 e evoluciona grazas á calidade dos seus produtos combinado coa última tecnoloxía e a atención ao cliente, que a fixeron merecedora da confianza de todos os seus clientes ao longo destes anos.
  • Compostelana de Carnes sitúase na Vía Édison 13 do polígono do Tambre. Fundada en 1997, a actividade do Matadero Santiago céntrase no sacrificio de gando vacún, porcino e ovino, cunha vintena de empregados no seu cadro de persoal. 
  • Grúas Tambre iniciou a súa andadura no ano 1997 no polígono industrial do Tambre coa intención de descentralizar a montaxe e servizo posvenda de Industrias Guerra S.A., cuxa sede está en Vila de Cruces (Pontevedra), empresa líder de fabricación propia de grúas forestais e mariñas de España que alcanzou recentemente o seu 70 aniversario. Elixiu o polígono do Tambre debido a súa situación estratéxica pola súa proximidade ás instalacións de importantes empresas madereiras, así como ás vías de acceso da AP-9 que facilitan a chegada aos diferentes portos de mar en que Guerra está presente.
  • Radiadores Compos Ordóñez. A empresa foi fundada no ano 1952, pero é en 1978 cando José Seoane Puig se pon ao seu cargo, xa que naquel momento a empresa tiña sede no centro de Santiago. É en 1996 cando se traslada ao polígono do Tambre –Cidade do Transporte, B, número 111–, e prodúcese o cambio de domicilio e de razón social. A empresa realiza reparación e venda de todo tipo de radiadores, tanto de automóbiles como de maquinaria industrial ou agrícola, e tamén se dedica á reparación e limpeza de catalizadores e filtros de partículas.
  • Redesyl nace en Boiro, en xaneiro de 1985, como empresa de  rehabilitación, revestimentos e impermeabilizacións. A súa delegación central está no polígono do Tambre, na Vía Pasteur 5, onde se atopa a oficina técnica e administrativa e o almacén de material das obras.
  • Rodamientos e Hidráulica Gallega (Roehigal) cumpre este ano o 25 aniversario da súa instalación no Polígono do Tambre, na rúa da Cidade do Transporte D, 27. Lonxe queda xa ese 1 de xuño de 1988 cando comezaron coa súa andaina na rúa de Salgueiriños cunha proposta en subministración dirixida á industria en xeral e maquinaria de obras públicas. 
  • Rodiauto. Fundada en 1988, Rodiauto nace cunha clara dedicación ao servizo da industria, naval, agrícola e obras públicas. Desde a súa fundación, serve subministracións industriais desde a súa sede en Santiago de Compostela, na Cidade do Transporte, C, 71, a empresas da área metropolitana e de toda Galicia, sempre mantendo a máxima calidade e rapidez para dar resposta a todas as necesidades dos clientes. 
  • Talleres Antonio Vigo (Tavigosa) é unha empresa familiar, fundada en 1985 en Padrón (A Coruña) por Antonio Vigo Citoula, hoxe falecido, despois de ter dedicado unha longa traxectoria profesional ao mundo da venda e reparación de vehículos industriais e agrícolas. Tras ter pasado por distintas ubicacións de Santiago de Compostela como Boisaca e Vía Arquímedes no Polígono do Tambre, Talleres Antonio Vigo construíu en 2010 unhas novas instalacións máis modernas e funcionais no Polígono de Boisaca. 

 

Estas son as oito empresas que serán homenaxeadas pola Asociación Área Empresarial do Tambre