Raquel Rodríguez, nova directora de XesGalicia
A nova directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez Espiño, xa traballara nesta sociedade como técnico de control de participadas.
Deste xeito, Rodríguez Espiño substitúe a Rubén Aguión, quen viña desempeñando este cargo desde outubro de 2020.
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e Máster en Administración Financeira e Tributaria pola Universidade de Santiago de Compostela, Rodríguez Espiño realizou tarefas de auditoría e asesoramento na empresa privada e en distintas organizacións profesionais ao longo da súa traxectoria laboral .
Entre 2008 e 2017 xa estivo vinculada a XesGalicia, exercendo como técnico de control de participadas e desde outubro de 2017 era a directora da área de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
XesGalicia ten como obxectivo facilitar a creación e consolidación de empresas en Galicia a través de diferentes instrumentos de apoio. Na actualidade xestiona unha sociedade de capital risco (Sodiga Galicia) e catro fondos de investimento de tipo pechado: Galicia Compite, Galicia Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Adiante 2000.
Durante os últimos anos, XesGalicia orienta a súa actividade cara a iniciativas empresariais vinculadas ao emprendemento e á innovación, sen deixar de atender os proxectos de crecemento ou reforzamento de empresas xa consolidadas en Galicia.