11º Congreso Nacional de CCOO
Ramón Sarmiento, novo secretario xeral de CCOO Galicia
Ramón Sarmiento Solla vén de ser elixido como secretario xeral para os próximos catro anos de Comisións Obreiras de Galicia. A súa candidatura foi apoiada co 82,55 % dos votos emitidos no 11º Congreso Nacional, celebrado este xoves e venres en Santiago.
O novo dirixente substitúe no cargo a Xosé Manuel Sánchez Aguión, e faino prometendo renovar o traballo sindical e loitar a prol da unidade de acción con outras organizacións sindicais.
Canda Ramón Sarmiento formarán parte da nova Comisión Executiva Nacional, que foi refrendada polo 80% dos delegados, tres membros da dirección saínte, que son Maica Bouza Seoane, Mabel Pérez Simal e Xesús Castro Baamonde. A estes nomes súmanse cinco que proceden directamente das súas seccións sindicais: M.ª del Carmen Peteiro García (Banco Pastor-Popular), Omar Ceveira Vázquez (Zara Logística), Roi Fernández Rodríguez (FINSA), Yolanda Martínez Quintián (Bankia) e Carmen Adela Sabio Sanz (Concello de Vedra).
O novo dirixente sindical prometeu moito traballo, especialmente para dar resposta á falta de expectativas da mocidade deste país. Tivo tamén palabras para a patronal e o Goberno galegos, aos cales advertiu de que terán en CCOO un «discrepante pero leal» interlocutor. Rematou con palabras de agradecemento para o seu predecesor, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e polo secretario xeral confederal, Ignacio Fernández Toxo, por facilitaren os procesos de renovación do sindicato.
Resolución xeral
A resolución xeral deste 11º Congreso salienta que a recuperación económica non se está a trasladar á realidade do emprego e das persoas. O emprego que se crea é «pouco e precario» e increméntanse as desigualdades e a precariedade. O sindicato entende que a reactivación económica depende de que haxa máis ingresos para facer outras políticas, e isto require un novo modelo fiscal para o que Galicia ten competencias plenas, investimento público e recursos financeiros para as empresas pero, sobre todo, require dun novo modelo produtivo. CCOO aposta pola evolución cara a unha economía sostible e socialmente avanzada, seguindo indicadores de desenvolvemento económico, igualdade, cobertura social ou innovación, a través dun incremento do valor engadido das empresas que se traduza nunha distribución máis equitativa da riqueza xerada, o que esixe avanzar na estabilidade e a cualificación no emprego.
Para iso, avoga por reforzar os sectores básicos da economía galega, recuperar a negociación colectiva como instrumento de intervención sindical e desmontar a pretensión patronal de desvincular as pequenas empresas da negociación colectiva do seu ámbito, entre outras actuacións. Nos próximos catro anos, CCOO quere ser «máis sindicato nas empresas e na sociedade» e pretende facelo «artellando un plan de traballo que sexa avaliable periodicamente e redefinible cando for necesario».
No Congreso aprobáronse tamén resolucións a favor da industria galega, en defensa dos postos de traballo en Ence e Elonsa, contra a violencia machista, contra a LGTBIfobia e a prol da conciliación da vida familiar e laboral.