Recoñecen traballos sobre a economía do ben común e a RSC das cadeas hoteleiras
Estes son os galardoados cos Premios TFG José Manuel Pérez Canal
Na categoría de Grao de Administración e Dirección de Empresas, o primeiro premio dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2021 foi para o "TFG Economía do ben común como estratexia empresarial", do alumno Adrián López e titorizado por Diego Rodríguez-Toubes. Nel, abórdanse os principios do modelo de economía do ben común, “modelo proposto polo austríaco Christian Felber, que propón unha nova economía baseada na cooperación e nos valores que fan prosperar as relacións humanas, tales como dignidade humana, solidariedade, sostibilidade ecolóxica, xustiza social e democracia”. Para coñecer e entender o funcionamento destes novos indicadores, o autor do traballo analizou o balance do ben común dunha empresa, Cartonajes La Plana, e realizou unha pequena análise comparativa cos clásicos indicadores financeiros, “co que se demostra a viabilidade da implantación do modelo economía do ben común”. O contexto económico e social actual, comenta Adrián López no seu traballo, “dificulta a implantación deste modelo por si só, pero unha vía intermedia na que progresivamente se incorporan os seus criterios na economía pode garantir a viabilidade da súa implantación no futuro”.
Nesta modalidade concedeuse tamén un accésit a Adrián Ordóñez polo seu traballo "O impacto da revolución tecnolóxica e a automatización do emprego en España: desafío e adaptación", titorizado por Alberto Vaquero e Santiago Lago, e outro accésit a Álvaro Sotelo polo estudo "A fiscalidade como ferramenta de política económica na nova normalidade", titorizado tamén por Alberto Vaquero.
Na categoría de Turismo, o primeiro premio foi para o "TFG Responsabilidade social corporativa (RSC) das principais cadeas hoteleiras españolas a través da análise comparativa do seu desempeño ambiental", de Nuria Gil e titorizado por María Montserrat Cruz. Dentro do sector turístico, explica a autora no traballo, a RSC “ocupa un papel fundamental debido aos impactos ambientais negativos que a industria hoteleira pode ocasionar nos destinos nos que opera”. No seu TFG, sinala, “alén de amosar a evolución da RSC ao longo do tempo, estudanse as diferentes definicións que foi adquirindo e a súa transición cara o desenvolvemento sostible; expóñense os códigos éticos e principios de implantación da RSC aplicables á industria hoteleira así como os índices de sostibilidade e certificacións ambientais máis destacadas”. Tamén inclúe un estudo comparativo do desempeño ambiental das cinco cadeas hoteleiras españolas máis importantes realizado a través da metodoloxía de investigación do estudo de casos baseado na análise documental dos seus informes de RSC e a súa información pública.
Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Importancia do márketing dixital no sector turístico, de Marta Vázquez e titorizado pola profesora María Elisa Alén.
Os galardóns foron entregados por Mª Montserrat Cruz, decana de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da UVigo, e Marisol Novoa, presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense. Nas súas intervencións lembrouse con afecto a figura de José Manuel Pérez Canal, quen foi presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, e como estes premios levan o seu nome en homenaxe á súa calidade humana e profesional.