Pablo Fernández é o novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais
Paula Uría dirixirá a nova Secretaría Xeral de Industria
A ata o de agora directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, tomou posesión este venres do seu novo cargo como secretaria xeral de Industria, e Pablo Fernández Vila será quen a sustitúa á fronte da Dirección Xeral.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu á toma de posesión dos dous altos cargos, de quen destacou a valía de ambos os dous para levar adiante as prioridades e obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030.
Conde agradeceulles o seu si a seguir traballando desde as súas novas responsabilidades ao servizo dos galegos e galegas e tamén o seu si a seguir formando parte do equipo da Vicepresidencia primeira, pois Paula Uría era ata agora a directora xeral de Panificación Enerxética e Pablo Fernández Vila, o xefe territorial de Ourense.
O vicepresidente económico puxo en valor a importancia da inclusión, por primeira vez, da Secretaría xeral de Industria no organigrama da Xunta de Galicia, xa que desenvolverá un papel esencial na implantación de industria e captación de investimento cara a Galicia. Un labor que precisará da coordinación con outros departamentos do Goberno autonómico en canto a oferta de solo industrial ou axilización administrativa e na que será prioritaria a interlocución cos axentes económicos e sociais.
No eido da Dirección Xeral, incidiu na relevancia de avanzar na Axenda Enerxética e camiñar cara a unha Galicia máis industrial á vez que eficiente e sustentable.