A súa xestión tamén foi aprobada por unanimidade
Lucía Trenor repite como secretaria xeral de CCOO-Servizos
A nova dirección de CCOO-Servizos conformarana Lucía Trenor, Juan Zas, Isabel Rodríguez, Arturo Cruzado, Ángela Junco, Ignacio Castro, Rocío Blanco, Jorge Carneiro e Gloria Alonso. O informe de xestión presentado por Trenor logrou tamén un total consenso, pois foi aprobado por unanimidade.
A secretaria xeral marcou como prioridade "procurar a coordinación da organización e da acción sindical no ámbito autonómico" para axudar as persoas traballadoras dos sectores que integran a Federación de Servizos, "moi castigados durante a pandemia". Trenor tamén incidiu na "necesidade de influír" nos procesos de transformación dixital, para evitar a destrución de emprego ou o empeoramento das condicións laborais. "A tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas, non as persoas escravizadas a través das tecnoloxías", salientou.
Ademais, a secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia pediu a implicación do conxunto do sindicato para "seguir defendendo as políticas de igualdade" e corrixir así as fendas que existen no ámbito laboral e social, "que se agravan en cada crise, deixando as mulleres desprotexidas". Lembrou que os traballos con maior porcentaxe de mulleres "seguen a estar mal pagados e con condicións de temporalidade e parcialidade máis elevadas. Hai que dignificar e revalorizar os empregos feminizados", insistiu.
A Federación CCOO-Servizos abrangue os sectores financeiro, comercio, hostalaría e servizos técnicos. Ten máis de 7600 persoas afiliadas e 746 delegados e delegadas sindicais en toda Galicia, que negocian 35 convenios sectoriais.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a directora xeral de Traballo do Goberno de España, Verónica Martínez Barbero, enviaron un saúdo telemático ás delegadas e delegados deste Congreso. Tamén asistiron presencialmente o secretario xeral estatal da Federación, Chema Martínez, así como unha ampla delegación do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, encabezada polo secretario xeral, Ramón Sarmiento.