A compañía conta con 5 centros de produción e 650 profesionais

A familia Fernández Álvarez-Santullano, Premio Familia Empresaria 2023

A familia Fernández Álvarez-Santullano, propietaria do grupo biofarmacéutico Zendal, recibiu o XVII Premio Familia Empresaria que concede anualmente a Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) co apoio do Banco Sabadell Gallego e AON.

 

A familia Fernández Álvarez-Santullano, Premio Familia Empresaria 2023
A familia Fernández Álvarez-Santullano foi galardoada co  Premio Familia Empresaria 2023. Punto GA/ M. Riopa.
A familia Fernández Álvarez-Santullano foi galardoada co Premio Familia Empresaria 2023. Punto GA/ M. Riopa.

A entrega deste premio contou coa presencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do presidente da Agef, José Bernardo Silveira; do presidente do Instituto de la Empresa Familiar, Andrés Sendagorta; e do director institucional Territorial Noroeste do Sabadell Gallego, Adolfo García.

Desta maneira, a Asociación Galega da Empresa Familiar recoñece o compromiso do grupo Zendal no ámbito da saúde e a súa capacidade de situar a Galicia como un referente farmacéutico a nivel mundial na investigación e produción de vacinas. En concreto, a asociación resalta o labor de investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización de vacinas e outros avances biotecnolóxicos protagonizados pola compañía con sede en O Porriño dende a súa fundación.

O grupo Zendal, que conta con 7 empresas dedicadas á saúde humana e animal, ten 5 centros de produción en España e Portugal, emprega a 650 profesionais e mantén a sede e o corazón do I+D+i da compañía en Galicia.

Andrés Fernández, conselleiro delegado do grupo Zendal, foi o encargado de recoller o premio e sinalou que “aínda coa expansión, a capacidade industrial local é obxectivo en todos os nosos plans estratéxicos”.

Premio Familia Empresaria

A Asociación Galega de Empresa Familiar, que integra as 60 empresas familiares máis relevantes de Galicia, distingue co Premio Familia Empresaria, de carácter anual e desde 2005, a traxectoria empresarial e o mantemento das raíces en Galicia das empresas de propiedade familiar da comunidade.

José Bernardo Silveira indicou que “a nosa asociación premia as empresas que viven aquí porque temos claro que as empresas non teñen arraigo, mais as familias si. Zendal, grazas á familia Fernández Álvarez-Santullano, é a mellor proba de que se pode medrar e internacionalizarse sen perder as raíces”.

A familia Fernández Álvarez-Santullano, Premio Familia Empresaria 2023