Os galardóns entregaranse o 29 de outubro
Estes serán algúns dos premiados na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) entregará os seus premios anuais na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) xa desvelou algún dos dez galardóns que entregará na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. A gala máis importante da informática en Galicia será un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Así, os colexiados do CPEIG outorgarán o Premio Traxectoria Profesional ao enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco, responsable da oficina de Riscos Dixitais en Hijos de Rivera S.A.U., con máis de 25 anos de experiencia no eido da transformación dixital aplicada ao sector público e empresarial.
Carlos Eloy López Blanco naceu na Coruña en 1970. Pertence ás primeiras promocións de enxeñeiros en informática titulados pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña, obtendo a súa licenciatura no ano 1993, e posúe o Diploma de Estudos Avanzados na área de coñecemento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da mesma universidade.
A principios dos 2000 foi pioneiro en Galicia na implantación gradual do novo paradigma dos centros de datos (datacenter), ao impulsar dende as instalacións centrais de Hijos de Rivera na Coruña o traslado e o uso compartido deste tipo de infraestruturas con outras organizacións, empregando tecnoloxías como a virtualización, o housing e o hosting, favorecendo o aforro enerxético e a sostibilidade.
López Blanco participa asiduamente en foros sobre seguridade, ademais de colaborar en medios especializados. É membro fundador da directiva do capítulo galego do ISMS Forum Spain, dende a que lidera o proxecto CybersecurityInABox, que proximamente será presentado en Galicia, co apoio doutros actores de referencia na comunidade. A iniciativa pretende achegar de modo sinxelo a xestión dos riscos asociados ás tecnoloxías da información ao tecido empresarial das pemes e así potenciar a súa resiliencia ante o panorama emerxente das ciberameazas.
Premio Ada Byron
Pola súa banda, o Premio Ada Byron entregaráselle á enxeñeira en informática Ana Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información, firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como da aportación das mulleres neste ámbito para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas. O Premio Ada Byron homenaxea ás mulleres enxeñeiras e ás súas aportacións, e rende memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática Ada Byron, autora do primeiro algoritmo e considerada a primeira programadora informática da historia.
Ana Freire (Rábade, 1983) estudou enxeñaría informática na Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento cum laude. Realizou estancias de investigación en centros de prestixio internacional como Yahoo Labs, a Universidade de Glasgow ou o Centro Nacional de Investigación de Italia. Na actualidade dirixe a área de Tecnoloxía da ‘UPF Barcelona School of Management’ da Universitat Pompeu Fabra.
Freire é experta en intelixencia artificial e recuperación de información e as súas investigacións incidiron en campos como a sustentabilidade e a saúde. “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, pois xeralmente móstrase a súa cara menos amigable, cando con todo, ben utilizada, pode achegar grandes beneficios ao ser humano”, asegura.
Dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide prevenTion in social Platforms), que utiliza a intelixencia artificial para estudar nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria. Autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes, acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. Foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard, e o premio Ada Byron Novo outorgado pola Universidade de Deusto.
Premio Iniciativa da Administración
O CPEIG entregará o Premio Iniciativa da Administración ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto ‘Quantum Computing’ destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.
A iniciativa ‘Quantum Computing’ da nosa comunidade está baseada en dúas premisas: deseñar e producir tecnoloxía propia en Europa para asegurar a soberanía tecnolóxica, e desenvolver negocio internacional para garantir a sustentabilidade económica a medio prazo. Segundo destaca Mauro Fernández Dabouza, director xerente do CESGA, “o Centro de Supercomputación de Galicia, centro mixto da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar un impulso ao I+D+i neste ámbito. Esta iniciativa forma parte da candidatura aos fondos Next Generation cun importe de 154 millóns de euros, o centro principal estará en Santiago de Compostela e estará ao servizo dos centros de investigación e das empresas.”Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
O cuarto galardón da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” xa desvelado é o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, que será para o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.