Noite Galega das Telecomunicacións
Os enxeñeiros de telecomunicación reivindican á súa contribución á transformación dixital
Os enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia reivindicaron este venres no transcurso da entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e da 26 Noite Galega das Telecomunicacións o papel do colectivo como “contribuínte á transformación dixital da nosa sociedade”.
Así o recalcou o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación, Julio Sánchez Agrelo, durante a súa intervención nesta gala, que tivo lugar este venres á noite en Vigo.
Sánchez Agrelo tamén se referiu á "responsabilidade moral de de impedir que se creen fronteiras no uso das tecnoloxías dixitais por parte dos nosos maiores”. O decano recordou que malia que “nos últimos 15 anos a cifra de maiores que accede periodicamente a Internet disparouse dun 5% no ano 2006 a un 75% en 2021” aínda hoxe “un 68% dos nosos maiores sostén que as súas habilidades dixitais son moi baixas”. De feito, o lema elixido este ano polos telecos para celebrar a súa 26 Noite Galega das Telecomunicacións.
Un reto para 2030
Julio Sánchez Agrelo lembrou que, a día de hoxe, “case a metade da humanidade, 3.000 millóns de persoas, aínda non están conectadas e a meirande parte delas, vive en países en vías de desenvolvemento, sobre todo en zonas rurais”. Ao respecto, indicou que “para 2030 temos que conectar a todos, en todas partes, xa que todo o mundo debe aproveitar as tecnoloxías dixitais para non quedar atrás”.
Pero non só se referiu o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia á asegurar á accesibilidade ás TIC para os maiores. “Ademais, seguen existindo brechas de xénero e de asequibilidade”, que cómpre atallar, segundo asegurou.
Para acadar este obxectivo, Sánchez Agrelo apostou por “promover a aprendizaxe ao longo da vida; promover a autonomía e garantir o dereito á privacidade; asegurar que o acceso TIC se dá por igual a todos os cidadáns; e loitar contra a discriminación por idade”.
Premios Galicia das Telecomunicacións 2022
No acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022 participaron, ademais do decano; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde da cidade, Abel Caballero.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2022 recoñeceu a traxectoria de Ricardo Fernández. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción o feito de que ten sido unha persoa clave na fundación da organización colexial do colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación, á que permaneceu intimamente ligado coma director xerente desde o seu comezo, e coma secretario xeral en diferentes lexislaturas.
O Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2022, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, recaeu este ano no proxecto Smilink, desenvolvido por Damián Vázquez Lavandeira. Valorouse a súa evidente utilidade para a integración social, e a axuda á non desconexión da sociedade, das persoas maiores con problemas de mobilidade ou illamento.
O Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións 2022, impulsado pola empresa que lle dá nome, recoñeceu á compañía Dinahosting. O xurado tivo en conta para outorgar este galardón os máis de 20 anos que Dinahosting leva ofrecendo solucións competitivas para a presenza en Internet, con infraestruturas e tecnoloxías punteiras desde Galicia e con capital independente.
O Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sostibilidade e Coidado da Terra 2022 -de nova creación nesta edición- recaeu no proxecto Aldeas Intelixentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Valorouse como razón determinante desta distinción o modelo de aldeas intelixentes impulsado desde esta Axencia, que trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais da man de solucións sustentables que teñan o menor impacto.
Finalmente, o Premio ao Mellor Expediente Académico do Mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo do Curso 2021-2022 distinguiu ao estudante Javier Rey.