A primeira muller da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias
María Loureiro, nova académica da RAGC: "Necesitamos personalizar impostos e subvencións climáticas"
María Loureiro García (A Pontenova - Lugo, 1972) pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Economía para tempos nos que o benestar das persoas e o medio ambiente importan”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico e presidente do Consello de Contas, José Antonio Redondo López.
O presidente da RAGC, Juan Lema, deu a benvida á profesora Loureiro, “a primeira muller que forma parte da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da Academia”. Referiuse a ela como “unha investigadora brillante nun campo menos tradicional pero, nestes intres, extremadamente importante da economía. Leva orientada toda a súa carreira ao estudo de temas moi relacionados co medio ambiente, tanto no eido da economía agraria como no da economía ambiental, incluíndo os aspectos enerxéticos e os relativos ao cambio climático. Temas de completa actualidade e que resultan moi acaídos para influír na toma de decisións a curto, medio e longo prazo das autoridades responsables. Os seus traballos son tamén dun extraordinario interese para mobilizar a opinión pública en asuntos sensibles de gran transcendencia”.
Lema destacou a súa “enorme proxección internacional” e a súa implicación en analizar cuestións que afectan directamente á economía ambiental galega como os incendios forestais, os recursos mariños ou a economía do cambio climático e as súas repercusións a nivel galego e global. “Estamos seguros de que a profesora Loureiro vai contribuír desde a RAGC a influír na percepción social da importancia de acelerar a transición cara a un novo modelo económico onde os aspectos ambientais cobren una dimensión decisiva” -salientou-.
María Loureiro: “Cómpre personalizar impostos e subvencións climáticas”
No seu discurso, María Loureiro sinalou que “a crise poscovid xunto á invasión de Ucraína aceleraron o debate actual sobre a urxencia de empurrar a necesaria transición enerxética, considerando á vez que esta debería ser non só rápida, senón tamén xusta”. Nesta liña, a investigadora puxo de manifesto que “durante o século XX houbo aportacións no ámbito da economía que nos describían os riscos que corriamos se non considerabamos o medio ambiente na toma de decisións económicas”.
En relación ás políticas en materia ambiental, como os impostos verdes, indicou que “non son sempre nin as favoritas nin as que favorecen a toda a poboación”. Para que estas políticas funcionen adecuadamente, a experta indica que “a involucración e aprobación da cidadanía é fundamental, por ser o medio ambiente un dos bens públicos máis prezados que temos”. Así, da análise realizada polo seu equipo de investigación mediante ferramentas baseadas en big data, extráese que “as políticas de impostos ás emisions non son especialmente populares hoxe en día entre a cidadanía”. Segundo a nova académica, “a preocupación fundamental dos cidadáns en materia ambiental céntrase nas consecuencias da súa propia vulnerabilidade económica acentuada pola crise ambiental. Isto chama á necesidade de xerar instrumentos de carácter económico máis personalizados”.
A investigadora incidiu na relevancia de afrontar a transición enerxética gravando aos que realmente poidan pagar máis -que xeralmente tamén son os que contribúen en maior medida ao quecemento global- ou aos grandes consumidores -como empresas de renting ou transporte- e menos a outros segmentos da poboación máis débiles e menos responsables do cambio climático.
“Para levar a cabo estas políticas máis sofisticadas, xustas e efectivas, necesitamos personalizar impostos e subvencións climáticas. Ao meu xeito de ver, este obxectivo pasa por empregar datos que nos permitan asegurarnos de que non son as clases máis desfavorecidas as que pagan a transición climática para todos nós. E, sobre todo, que fagamos políticas económicas que poñan de manifesto que o benestar da xente importa, e moito”, destacou.
O académico José Antonio Redondo respondeu á disertación da catedrática, sinalando que “María Loureiro incorpórase á RAGC a semana na que a catástrofe do Prestige cumpre 20 anos e na que a nosa nova académica tivo un papel fundamental na opinión pericial dos danos, 4.000 millóns de euros”.