Distinguen as boas prácticas en materia de conciliación, economía circular, economía social e innovación
Seis compañías compostelás, recoñecidas cos Premios á Excelencia Empresarial
Os Premios á Excelencia Empresarial, dotados cada un deles con 6.000 euros, nacen co fin de premiar ás empresas que se distingan polas súas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais e boas prácticas de economía social. Búscase recoñecer e valorar de maneira axeitada ás empresas que demostran un gran compromiso coa calidade total identificando e difundindo boas prácticas que poidan ser adoptadas nun futuro por outras empresas do tecido económico de Santiago.
As empresas premiadas nesta primeira edición dos galardóns foron seis. O Premio Boas prácticas en materia de conciliación recaeu en Inforhouse. Unha empresa con máis de 30 anos de experiencia no sector TI. Ademais das áreas funcionais de comercial, marketing e administración, Inforhouse conta cun departamento técnico de software e SAT/Sistemas que lles permite realizar servizos de soporte e mantemento de aplicativos e infraestruturas en Galicia, Asturias e outras zoas do territorio nacional.
Nesta categoría outorgouse ademáis unha mención como finalista á Dinahosting, dotada con 2.000 euros. Dinahosting é unha empresa especializada en hostings e dominios, con máis de 20 anos de traxectoria ofrecendo solucións para todo tipo de proxectos web, dende páxinas sinxelas ata infraestruturas máis esixentes.
O Premio Boas prácticas en materia de economía circular e o Premio Boas prácticas de empresas de economía social concedéronse á empresa Comunidade Creativa Soc. Coop. Galega. Creativas Galegas é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro que nace a finais de 2019, da man de tres artesás creativas que xa tiñan as súas propias marcas no mercado. A empresa nace para tratar de dar solución ás dificultades que atopaban estas tres artesáspara sobrevivir no mercado polo feito de ser un proxecto pequeno dando a posibilidade de ter un espazo físico, compartindo custos, creando sinerxias, negociar con proveedores e compartir experiencias. A idea é manter a imaxe de marca de cada empresa, pero actuando como unha única entidade.
O Premio Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio foi para Mestrelab Research. Esta empresa santiaguesa conta cun software especializado para investigación química, que cuantifica a pureza e concentración dos compostos químicos, permitindo así ás empresas farmacéuticas, químicas ou biotecnolóxicas, desenvolver medicinas e produtos máis efectivos, fiables e seguros.
O Premio Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizos culturais foi para Gonzalo Mata García polo proxecto Q.E.D. Estudios de Herencia Cultural. O proxecto é creado por Gonzalo Mata despois de anos de docencia e investigación no eido das humanidades, para proporcionar no eido cultural un servizo innovador, de calidade e ao día en técnicas diagnósticas.
Finalmente, o Premio Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030 concedeuse a Informática y Networking Compostela (Infonet) pola súa nube Cloud.gal. Infonet é unha empresa galega de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en sistemas, ciberseguridade, virtualización e arquitectura na nube, aberta ao mercado internacional e coa sede en Santiago. O equipo de Cloud.gal afirmou que "es un orgullo recibir este premio, ya que fortalece nuestra apuesta por Galicia y por el crecimiento de la economía local, fomentando la digitalización e impulsando la sostenibilidad de las empresas con un producto 100% gallego”. Con este recoñecemento, a empresa santiaguesa pecha un gran ano tras recibir o pasado mes de xullo o Premio PEL á mellor iniciativa empresarial consolidada, entregado pola Deputación da Coruña.
Estes galardóns forman parte do programa municipal Compostela Móvese, incluido nas accións codeseñadas no ámbito do Consello Económico Social de Santiago de Compostela co obxectivo de dar a coñecer o bo facer das empresas do territorio, para que poida servir de espello onde outras se poidan sentir reflexadas e iso sirva como motor de mellora da súa competitividade e como vehículo para o fomento do emprendemento e impulso a actividade empresarial.