Convoca a Escola de Organización Industrial e Fundesarte
Tres candidaturas galegas aos Premios Nacionais de Artesanía
O obradoiro de tecido artesanal de Inés Rodríguez (Allariz) e o obradoiro especializado no traballo do coiro Santiago Besteiro (Monterroso) competirán entre si na categoría Emprendemento, mentres que a Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, opta de novo ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo "proxecto Artesanía no Prat"o, que busca crear sinerxías entre artesanía, deseño e gastronomía.
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas.Con eles búscase recoñecer aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
Finalistas galegas
O obradoiro RiR& Co Diseño Textil Artesano, situado no casco histórico de Allariz, opta ao Premio ao Emprendemento. Neste espazo, a artesá Inés Rodríguez realiza deseños dirixidos a un público global unindo os coñecementos das técnicas téxtiles tradicionais coas tendencias actuais do mercado e traballa tanto con materiais naturais como con outros máis novidosos como é a fibra óptica. Este obradoiro realiza colaboracións con sectores que van desde a moda ata a gastronomía ou a arquitectura. Rir&Co comparte a súa experiencia a través de asesoramentos para outras empresas, investigación baseada en novos materiais e produtos de deseño.
Na mesma categoría compite o artesán Santiago Besteiro, dedicado ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade en coiro, desde o seu obradoiro situado en Monterroso. Constituído como unha empresa unipersoal, crea unha estratexia de mercado para apostar por competir coa calidade, co deseño, coa innovación, co trato distinguido co cliente e coa concienciación medioambiental. Actualmente a empresa atópase inmersa nunha investigación para novos produtos que se adapten ás circunstancias, así como novas canles para explorar a internacionalización.
A Fundación Artesanía de Galicia volve quedar finalista do Premio Promociona para EntidadesPúblicas co seu proxecto "Artesanía no Prato", polo que xa resultara finalista na edición do ano pasado. A iniciativa púxose en marcha no ano 2013 e está dedicada a xerar unha interrelación entre Artesanía de Galicia e a cociña galega máis vangardista, de xeito que os chefs máis destacados se convertan en abandeirados e promotores da marca.